Deputación de Lugo

O modelo de xestión dos museos da Deputación, exemplo de innovación social

- O modelo de xestión dos 4 museos da Deputación foi seleccionado polo proxecto ITSSOIN por deseñar programas de cohesión social no eido da arte e a cultura
- O programa, financiado polo Sétimo Programa Marco da Unión Europea, propoñerá o modelo da Deputación a institucións interesadas en aplicar os mesmos instrumentos
- O informe valora a implicación social, as actividades dirixidas a todo tipo de públicos, sobre todo aos máis vulnerables, a accesibilidade e o dinamismo social

O modelo de xestión dos 4 museos da Deputación de Lugo foi seleccionado polo proxecto ITSSOIN (Impact of the Third Sector as Social Innovation) por deseñar programas de cohesión social en contextos de cultura dentro do campo da innovación social. O programa, financiado polo Sétimo Programa Marco da Unión Europea para a investigación, desenvolvemento tecnolóxico e demostración, propoñerá o modelo da Deputación a institucións relacionadas e interesadas en comprender e aplicar os mesmos instrumentos.

García Porto subliñou que “dende a Deputación traballamos para que os nosos museos cumpran cun rol social, por iso programamos actividades e exposicións durante todo o ano nas que os veciños son partícipes e protagonistas das nosas coleccións”.

O informe valora especialmente a implicación social, as actividades dirixidas a todo tipo de públicos, sobre todo aos máis vulnerables, a accesibilidade e o dinamismo social. Valorouse así mesmo a creación do departamento de Accesibilidade e Capacidades Diferentes, as múltiples actividades de museoloxía social que ten programadas a Deputación, e o papel dos museos como epicentros de innovación e cohesión social no contexto da rexeneración dos espazos culturais.

A conferencia de clausura do 7º Programa Macro, na que se debateron os resultados do programa, tivo lugar este luns en Baden-Württemberg, Bruxelas.

Informe ITSSOIN
ITSSOIN é un proxecto de investigación financiado polo 7º Programa Marco da Unión Europea que implica a un consorcio liderado polo Centro para o Investimento Social da Universidade de Heidelberg, de Alemaña, e composto por once universidades e centros de investigación en nove países europeos. O proxecto analiza para estes países, entre eles España, as seguintes áreas de innovación social: arte e cultura, servizos sociais, saúde, sustentabilidade ambiental, protección do consumidor financeiro, emprego e inclusión social, e desenvolvemento comunitario.

Participantes do proxecto
Participan neste proxecto da Unión Europea a Universidade de Heidelberg (Alemaña), a VU University Amsterdam (Holanda), London School of Economics y Política (Reino unido), Universidad Bocconi (Italia), Copenhagen Business School (Dinamarca), ESSEC (Francia), a Universidade Masaryk de Brno (República Checa), o Instituto Holandés para a Investigación Social (Holanda),  a Escola de Economía de Estocolmo (Suecia), a Universidade de A Coruña e a Universidad de Oviedo.