O Goberno da Deputación inicia o Programa de promoción do piragüismo en resposta as peticións dos 7 clubs lucenses

O Voceiro do Executivo da Deputación, Álvaro Santos Ramos, informou este venres da aprobación na Xunta de Goberno do convenio entre o organismo provincial e a Federación Galega de Piragüismo por valor de 212.500 euros, divididos en tres anualiades, para o desenvolvemento do Programa de promoción provincial do piragüismo, co obxectivo de promover a práctica desta modalidade deportiva na provincia de Lugo, a través dos sete clubs lucenses. Estes son: Club Deportivo San Ciprian; Club Piragüismo Cidade de Lugo; Club Fluvial de Lugo; Club Kayak de Foz; Club Piragüismo Viveiro; Club Piragüismo Altruan de Ribadeo e do Club Montaña Quixós de Monforte de Lemos.
Este convenio supón un instrumento de colaboración para o impulso deste deporte na provincia de Lugo. Deste xeito, busca achegar o piragüismo á poboación escolar e adulta da provincia de Lugo, mediante o desenvolvemento de actividades específicas e coa posta en común de medios e persoal cualificado.
O Goberno da Deputación achegará 212.500 euros para o financiamento deste Programa de promoción provincial do piragüismo distribuídos en tres anunalidades. En 2017 destinaranse 42.500 euros; en 2018 serán 85.000 euros, e en 2019 outros 85.500 euros. Este orzamento permitirá levar a cabo diferentes accións, entre as que se atopan as seguintes:
1. Actividade de promoción nos centros educativos a través da campaña escolar Deporte Educación coa finalidade de aumentar a base de usuarios da actividade, vinculándoa cos clubs existentes na provincia de Lugo e a creación de novos clubs, de ser o caso.
2. Desenvolvemento do programa federado, consistente no asesoramento técnico nos procesos de adestramento aos clubs da provincia de Lugo, realización do control e seguimento destes procesos e dos resultados competitivos e académicos aos padexeiros da provincia a través de visitas aos clubs e concentracións.
3. Desenvolvemento de xornadas técnicas, cursos de formación e toda a acción docente precisa para formar aos técnicos existentes nos clubs.
CB Breogán
O Executivo da Deputación garante un ano máis ao CB Breogán a súa participación na Liga LEB Ouro. A Xunta de Goberno vén de aprobar que o organismo provincial sexa o contra avalista do equipo celeste para que ABANCA lle facilite os 150.000 euros que precisa para participar nesta competición.
O Goberno da Deputación fai posible deste xeito, a inscrición do equipo celeste na Liga Española de Baloncesto Outro, tendo en conta que o prazo para dispor da devandita cantidade, esixida pola FEB, remata a mediados do mes de xullo.
No caso de que o Club non poida responder ás súas obrigas con dita entidade bancaria e esta á súa vez teña que recorrer ao contra aval da Deputación, o organismo provincial restaría esta cantidade da subvención ordinaria e anual que recibe o Breogán ou ben acordaríanse actividades de patrocinio.