Deputación de Lugo

Ribas de Sil, Folgoso do Courel e Quiroga presentan, co principal apoio da Deputación, a candidatura de Xeoparque Mundial da UNESCO

- Santos Ramos avanzou que o Goberno converteu á Deputación na principal administración colaboradora da candidatura, cunha achega de 50.000 euros, para elaborar o proxecto e realizar accións imprescindibles de promoción do territorio
-“De ser fallada favorablemente, seremos o primeiro espazo do noroeste peninsular e Galicia en obter este galardón internacional”, apuntou
-Logo de ter presentada a candidatura onte mesmo, as administracións implicadas continuarán a desenvolver durante o 2018 accións informativas para incluír á cidadanía neste proxecto. O resultado coñecerase no 2019, en París
- O Goberno Provincial, dentro da súa aposta por impulsar o turismo como motor económico, fixo que a Deputación teña un papel prioritario para citas como do Aceite de Quiroga; a Feira da Castaña de Folgoso ou a da Cereixa e Aceite de Ribas do Sil

O Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, informou este venres sobre a recente presentación da candidatura dos Montes do Courel a Xeoparque Mundial, un distintivo a nivel internacional que outorga a UNESCO. O Deputado apuntou que “o Goberno converteu á Deputación na principal administración Galega colaboradora, que traballa xunto aos Concellos de Ribas do Sil, Quiroga e Folgoso do Courel, cunha achega de 50.000 euros. Estes fondos permitiron a elaboración de toda a documentación deste proxecto, presentado oficialmente ante a UNESCO onte mesmo. Ademais, permitirán levar a cabo vindeiras accións de promoción e posta en valor deste espazo natural durante o 2018”.

“De ser fallado favorablemente, seremos o primeiro territorio en Galicia e no noroeste peninsular en recibir este galardón internacional. Trátase dunha oportunidade única para conseguir poñer no mapa á comarca de Quiroga, un dos espazos naturais máis importantes e ricos xa non só da provincia, senón de toda Galicia”, apuntou.

Santos Ramos engadiu que “sendo coñecedores da importancia deste recoñecemento para o desenvolvemento da zona, xa no 2016, dende o Goberno da Deputación decidimos sumarnos a esta iniciativa, sendo a 1ª institución pública ademais dos propios municipios, en adherirse ao proxecto”.

Cómpre subliñar que o distintivo internacional non implica restrición algunha para os veciños da comarca, salvo as xa existentes ficadas pola a Xunta por ser un territorio integrado dentro da Rede Natura 2000. Este espazo natural ten unha extensión total de 577 quilómetros cadrados, no que conviven preto de 6.000 lucenses.

Na presentación tamén estiveron presentes o Delegado Territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, así como o Alcalde de Quiroga, Julio Álvarez Núñez, a Alcaldesa de Folgoso do Courel, Dolores Castro Ochoa, o Tenente de Alcalde de Ribas de Sil, Roberto Castro González, e o Presidente do GDR8, José Manuel Arias López.

Elemento central da candidatura

A UNESCO recolle como Xeoparque Mundial un territorio que presenta un patrimonio xeolóxico notable que se caracteriza por impulsar o seu desenvolvemento social e económico a través da promoción turística. Para poder conseguir este distintivo é necesario ter un monumento natural como elemento central, que neste caso é o Pregamento de Campodola-Leixazós. Trátase dunha formación xeolóxica que se conserva practicamente intacta e que amosa á perfección o proceso xeolóxico que tivo lugar durante milleiros de ano.

Seguintes pasos

Logo de presentar onte mesmo toda a documentación do proxecto para concorrer a este distintivo que ofrece a UNESCO, os municipios deberán continuar a desenvolver actividades de promoción do territorio, dirixidas a facer partícipes da candidatura os veciños da comarca. Durante o ano 2018, e á espera do fallo da UNESCO que será en 2019, os municipios e administracións implicadas neste iniciativa, continuarán a desenvolver medidas de promoción do territorio: incremento da sinalización destes espazos; desenvolvemento de máis rutas turísticas na zona, ou impulso de xornadas de estudo do propio territorio. Trátase dunha nova fase que contará tamén co apoio do Goberno da Deputación, e que arestora, está en proceso de deseño.

Promoción do patrimonio

Outros dos puntos chave para a concesión deste distintivo é que os 3 Concellos teñan desenvolto iniciativas de promoción xeolóxica, encamiñadas a potenciar este recursos natural. É por iso que, dende o ano 2001, os municipios de Ribas do Sil, Quiroga e Folgoso do Courel, desenvolveron ducias de actividades dirixidas a impulsar este tipo de turismo: a construción do miradoiro de Campodola-Leixazos; un plan de sinalización interpretativo dos principais recursos xeolóxicos do territorio; a posta en marcha do Mirador sobre o río Val de Quiroga; a apertura do Museo Xeolóxico de Quiroga, ou a publicación de varias edicións relacionadas coa xeoloxía.

Máis apoio do Goberno Provincial

O Goberno da Deputación de Lugo colabora con todos e cada un dos Concellos da provincia para conseguir un desenvolvemento turístico que lles permita ser máis competitivos e xerar riqueza. Concretamente, na Comarca de Quiroga, o Executivo Provincial colaborou en proxectos de impulso turístico tan importantes como o cámping de Ribas de Sil, no que investiu 100.000 euros e que poderá albergar a máis de 100 usuarios; a Feira da Cereixa, unha cita punteira para o municipio; o complexo de Augasmestas ou a mostra do Aceite de Quiroga; así como a Festa da castaña de Folgoso do Courel.

Outra iniciativas de posta en valor da zona e que contaron coa colaboración da Deputación son 1º Curso de Especialización de Enoturismo, para aproveitar as potencialidades do entorno vitivinícola da zona; o Festival 17º Ribeira Sacra, o primeiro festival internacional de música que ten a Ribeira Sacra co que colaborou o executivo provincial; a Heroica Gran Premio Deputación de Lugo–Regina Viarum, ou a Volta Ciclista a España que, o ano pasado, discorreu polo sur da provincia.

Cómpre lembrar que estas actuacións inclúense dentro do 1º Plan Estratéxico de Turismo participativo da provincia, posto en marcha polo executivo provincial, que establece as liñas e os plans de actuacións prioritarias para o impulso do sector turístico ata o 2020 e no que, como non podía ser doutro xeito, se potencia a posta en funcionamento dos xeodestinos da provincia, entre os que se inclúe o dos Ancares-Caurel.