Deputación de Lugo

Deputación e USC ofrecen descontos do 50% na matrícula de 10 titulacións do Campus Terra de Lugo

- Presidente, Vicerreitor e Concelleiro de Educación presentaron a 4ª edición da campaña Para estudar, Lugo que promociona o Campus Terra e Lugo como cidade universitaria - Ata o vindeiro 30 de xuño, os primeiros estudantes en 10 graos da universidade lucense poden pedir a beca da Deputación para aforrar a metade no custo da matrícula. Máis información en www.paraestudarlugo.com, www.usc.es e www.deputacionlugo.gal - Campos Conde subliñou que “dentro da nosa aposta polo acceso universal a unha educación pública de calidade, axudamos ás familias a que os seus fillos decidan con acerto e estuden nunha universidade de primeira en España, como o Campus Terra”

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, o Vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Javier Bueno Lema, e o Concelleiro de Educación, Manuel Núñez, presentaron este mércores a 4ª edición de Para estudar, Lugo. É a campaña que promociona o Campus Terra e Lugo como cidade universitaria, e que ofrece aos primeiros estudantes en 10 titulacións da USC lucense descontos do 50% no custo da matrícula. Isto grazas ás becas que financia o Goberno Provincial a través do Plan de Choque que mantén co Campus de Lugo, e para o que destina este ano 300.000 euros da Deputación.

Darío Campos sinalou que “poñemos en marcha a 4ª edición desta campaña baixo o lema O teu futuro pasa por Lugo. O meu fíxoo e faino. Síntome orgulloso de formar parte da primeira promoción da Facultade de Veterinaria e de ter exercido a miña profesión na nosa provincia. Hoxe, como Presidente da Deputación, teño o privilexio de contribuír a que o futuro de máis xente tamén pase por Lugo, axudando ás familias a que os seus fillos estuden nunha universidade de primeira en España e con grande prestixio en Europa, dentro da nosa aposta polo acceso universal a unha educación pública e de calidade, como a que ofrece o Campus Terra”.

“Hai moitos motivos para estudar na universidade lucense. E sinalo só os cinco que recolle o vídeo promocional que acabamos de ver. 1.- A súa completa oferta formativa, que permite a especialización, pois ofrece 15 graos e 3 dobres graos das 4 ramas do saber: Artes e Humanidades, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas, e Enxeñería e Arquitectura. 2.- O seu carácter internacional, cando xa contamos con alumnos de 20 nacionalidades distintas. 3.- Temos un campus multilingüe, onde os seus alumnos rematan a súa titulación cun nivel, como mínimo, de B1 nunha lingua estranxeira. 4.- A calidade de vida de Lugo e o bo acoller de todos lucenses, como así o apuntan 9 de cada 10 estudantes do Campus Terra. 5.- E a súa excelencia, cando nos situamos entre as

mellores universidades de España e ata de Europa, como a Facultade de Veterinaria”.

“Creo que temos o mellor Campus e a mellor provincia, pola súa xente, pola súa diversa e única paisaxe, patrimonio, gastronomía ou polos seus prezos... para decidir con acerto que o noso futuro pase por Lugo. Queremos contribuír a esta boa elección con esta nova campaña de Para estudar, Lugo”.

Pola súa parte, o vicerreitor subliñou que “hoxe é un día especial, recibimos moi boas noticias na Universidade e quería apuntar que este é un traballo de todos, e un traballo onde tamén se pon de manifesto a excelente colaboración institucional que temos en Lugo. Polo tanto, agradecer tanto á Deputación Provincial, como ao Concello de Lugo, a colaboración e a axuda constante que recibimos para que hoxe as nosas titulacións, as titulacións do Campus Terra, foran refrendadas externamente por un dos ránkings de maior prestixio, como das mellores de España. Entre elas está a Facultade de Veterinaria como número 1 de toda España. Pero tamén conseguimos que tres das outras facultades como a Facultade de Ciencias, a Escola Politécnica Superior e a Facultade de Humanidades tamén se reflictan como facultades que teñen graos número 1 en España”.

Resultados da campaña
Grazas ás tres anteriores edicións da campaña Para estudar, Lugo, o Campus Terra pasou dun nivel de ocupación do 63% no 2013 ao 71% que ten na actualidade. O número de estudantes nas 10 titulacións con descontos no custo da matrícula aumentou nun 9%. Hai casos moi significativos, con graos que se cubriron. Por exemplo, Enxeñería de Procesos Químicos Industriais pasou de ter 18 a 47 alumnos, e Enxeñería Agrícola e Agroalimentaria de 30 a 45, estando en ambos os dous casos completos este ano.

Titulacións con descontos do 50% na matrícula
Coa campaña Para estudar, Lugo, o Goberno da Deputación ofrece descontos do 50% no custo da matrícula a primeiros estudandes nas seguintes titulacións do Campus Terra:

  • Grao en Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais
  • Grao en Enxeñaría Civil
  • Grao en Enxeñaría en Xeomática e Topografía
  • Grao en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria
  • Grao en Enxeñaría Forestal e do Medio Natural
  • Grao en Lingua e Literatura Españolas
  • Grao en Ciencias da Cultura e Difusión cultural
  • Grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos
  • Grao en Xestión de Pequenas e Medianas Empresas
  • Grao en Administración e Dirección de Empresas

Datas
O prazo de prescrición atópase aberto ata o 30 de xuño, mentres que para os estudantes que realicen a Selectividade abrirase o día 19. O 11 de xullo publicarase a listaxe de alumnos admitidos, e o día 12 abrirase o prazo de matrícula. Ao mesmo tempo que se solicita a praza nunha das 10 anteriores titulacións, pídese a beca da Deputación para aforrar a metade do custo da matrícula. www.paraestudarlugo.com; www.deputacionlugo.gal e www.usc.es.

www.paraestudarlugo.com
Toda a información relacionada con Para estudar, Lugo pode atoparse na web www.paraestudarlugo.com, que recolle toda os detalles do programa de bolsas; consellos

prácticos para elixir Lugo como destino universitario, así como diferentes páxinas coa información completa sobre o Campus Terra da USC: centros e facultades, relación detallada sobre os graos, programas de doutoramento e máster que se ofertan, con especificación do plan de estudos e ligazóns para ampliar ou acceder dun xeito áxil á formalización da matrícula.

Ademais, a campaña terá unha especial incidencia nas redes sociais da Deputación de Lugo (www.facebook.com/diputacionlugo e @depulugo) e da USC (www.facebook.com/campusterrausc, www.facebook.com/campusterrausc, www.facebook.com/Universidade-de-Santiago-de-Compostela e @UniversidadeUSC e @CampusTerraUSC).