Deputación e Concello da Pontenova asinan o convenio para a construción dun centro de maiores con 1,5 millóns
O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e o Tenente Alcalde da Pontenova, Francisco Martínez, asinaron este mércores o convenio de colaboración para construír na Pontenova unha residencia e centro de día. Trátase dun acordo no que se inclúen os 1,2 millóns de euros da Deputación, aos que se engaden os 200.000 euros do Goberno local á para a construción desta infraestrutura, así como os 120.000 euros dirixidos á adquisición dos terreos.
O Titular Provincial lembrou que o novo centro de día e residencia público se construirá nun espazo 1.500 metros cadrados. Cóntase coa previsión de respectar o modelo de prazas da maioría de centros da rede da Deputación: 30 prazas de residencia e 20 de centro de día. Arestora, estanse a redactar os pregos técnicos para iniciar, previsiblemente nas vindeiras semanas, a compra dos terreos.
Campos Conde destacou que esta infraestrutura social que construiremos en solitario Deputación e Concello busca ofrecer aos veciños máis maiores da zona un servizo profesional que lles permita desenvolverse con normalidade no seu día a día, e preto das súas casas. É por iso polo que dende o Goberno Provincial, e dentro da nosa aposta por unha Deputación coas persoas, social e rural, estamos a construír unha rede de residencias e centros de día públicos, que fagan fronte á escaseza de prazas públicas na provincia, na que debería haber unhas 4.700, tal e como indica a lexislación vixente. A pesares disto, tan só hai 802 prazas públicas fronte ás 2.500 privadas e concertadas, tal e como apunta o recente estudo do IMSERSO.