Deputación de Lugo

Deputación e Fundación Uxío Novoneyra conseguen 200.000 euros da UE para promocionar a literatura galega entre colectivos vulnerables en Europa

- García Porto e Novo Rey presentaron o Proxecto Comunitario SILO desenvolvido por dito colectivo coa colaboración do Executivo Provincial para promocionar nos vindeiros 3 anos a literatura galega en Europa e a europea en Galicia
- Este novidoso plan inclusivo contempla a celebración de encontros literarios en pequenos núcleos rurais da provincia, como por exemplo na Montaña, así como centros escolares, residencias de maiores ou institucións penais
- É o único proxecto de Europa Creativa que se celebra en Lugo e que conta con 335.000 euros de orzamento, dos que 200.000 euros son da Unión Europea, e 135.000 euros polas 7 entidades internacionais que participan no proxecto

A Deputada de Cultura, Pilar García Porto e do xerente da Fundación Uxío Novoneyra, Uxío Novo Rey, presentaron este xoves, no Obradoiro do Libro do CENTRAD, o Proxecto Comunitario SILO (Operacións Literarias Socialmente Inclusivas).

Trátase da iniciativa de carácter inclusivo desenvolvida por dito colectivo coa colaboración do Goberno da Deputación co que achegar nos vindeiros 3 anos a literatura galega por toda Europa e a europea por Galicia. Este novidoso plan, dotado de 335.000 euros, está dirixido a promocionar a literatura en lugares, como por exemplo poboacións illadas do rural e da Montaña, como O Courel; centros escolares; residencias de maiores, así como colectivos vulnerables: drogodependentes ou reos, entre outros. A Deputada avanzou que a primeira xornada deste encontro celebrárase dende o 21 ao 26 de agosto no Courel, e haberá un intercambio de escritores, poetas, tradutores de toda Europa.

García Porto avanzou que “o SILO é o único proxecto de Europa Creativa que se realiza na provincia de Lugo, cun investimento de 335.000 euros dos que 200.000 euros son financiados pola Unión Europea, e 135.000 euros polas 7 entidades internacionais: Fundación Uxío Novoneira, en España; Aarhus Public Libraries e Aaurus Universitet, en Dinamrca; Association Krokodil, en Serbia; Câmara municipal da Madalena do Pico, en Portugal; Cultuurhuis de Warande, en Bélxica; e Szepirok Tarsasaga, en Hungría. A través desta iniciativa, que conta posúe un marcado carácter internacional, dende o Goberno da Deputación contribuímos a promocionar a literatura, tanto a galega como a europea, poñéndoa ao alcalde de persoas de difícil inclusión social ou de colectivos vulnerables”.

Deste xeito, realizaranse encontros literarios con escritores, expertos literarios e xerentes culturais de referencia, no que participen tamén os veciños e colectivos lucenses, buscando a creación de novas sinerxías dando a coñecer aos lucenses a literatura europea e aos europeos a galega.

Proxecto comunitario

O SILO, enmarcado dentro proxecto de Europa Creativa, está destinado a impulsar os sectores culturais e creativos como o cine, a televisión, as artes escénicas e visuais, deseño e artes aplicadas, música, literatura, patrimonio cultural material e inmaterial, entre as persoas con maior dificultade de acceso ás mesmas. Ademais, un dos obxectivos deste proxecto é profesionalizar e internacionalizar as autoras e autores e traballadoras culturais do país, así como os legados literarios dos que dispomos. Este proxecto contará tamén con unha plataforma dixital coa que os participantes de toda Europa poderán interactuar.

Este programa ademais de colocar a Lugo na primeira división de desenvolvemento de políticas de democratización cultural en Europa, permitirá xerar sinerxias entre outras entidade de referencia como son o servizo de Bibliotecas de Aarhus, Capital Europea da Cultura no 2017, o Cultuurhuis de Warande, o centro cultural mais innovador de Bélxica, ou as meirandes feiras do Libro de Europa, como a de Budapest e Serbia”, resumiu.

Xuntanza en Bruxelas

Nos vindeiros días a Fundación Uxío Novoneyra trasladárase a Bruxelas para definir as actuacións que se van a desenvolver en toda a provincia de Lugo con este pioneiro proxecto, contando coa participación de todas as entidades implicadas e baixo a coordinación da Universidade de Limburg, en Bélxica.