Deputación de Lugo

O Goberno da Deputación impulsa o deporte base en Antas de Ulla con 15.000 euros

Imaxe deputación de lugo
- Campos Conde e García Porto mantiveron un encontro con xogadores e directiva da Sociedade Deportiva, coa que o Goberno da Deputación colabora con 8.300 euros
- O Presidente apuntou que o Goberno converteu á Deputación na administración galega que máis inviste en deporte na provincia achegando case 7 millóns, tres veces máis que a Xunta de Galicia que é a que ten as competencias directas na materia”  
- Ademais da achega á SD Antas, o Goberno da Deputación puxo a disposición do Concello 6.000 euros máis para financiar cursos de natación e competicións deportivas

O Goberno da Deputación impulsa o deporte base en Antas da Ulla colaborando con 15.000 euros con distintas iniciativas deportivas en dito municipio. Así o informou o Presidente, Darío Campos Conde, nun encontro cos xogadores e directiva da Sociedade Deportiva de Antas, que conta con máis de 90 persoas nas diferentes categorías deportivas, no que participou tamén a Deputada pola Comarca da Ulloa, Pilar García Porto.

O Executivo Provincial achegou á dita sociedade deportiva máis de 8.300 euros, dirixido a colaborar nos custos de funcionamento da sociedade (transporte, gastos federativos, de material, ...), ou para a celebración de eventos deportivos no municipio como o Torneo de Fútbol Sala Antas Cup.

O Presidente explicou que “dende o Goberno convertemos á Deputación na administración galega que máis inviste en deporte na provincia chegando case aos 7 millóns de euros, tres veces máis que, por exemplo, a Xunta de Galicia que é a que ten as competencias directas na materia. Facémolo dentro da nosa aposta por dinamizar o deporte base na nosa provincia, que ademais de fomentar hábitos de vida saudable, fomenta entre os máis pequenos valores como o traballo en equipo, esforzo e superación.

“A esta colaboración, engádense outros 6.000 euros que dende o Goberno da Deputación poñemos á disposición do propio Concello e que serven para financiar, entre outros, os cursos de iniciación á natación para os nenos e nenas do Concello, ou tamén para diferentes iniciativas e competicións deportivas”, informou Campos Conde.

Sociedade Deportiva de Antas de Ulla

A Sociedade Deportiva de Antas é unha das agrupacións máis vivas de todo o sur da provincia, tanto polo número de usuarios como pola cantidade de probas que celebran ao longo do ano en dito municipio. As categorías coas que conta participan nenos e nenas, e son as seguintes; biberóns, prebenxamín, benxamín, alevín, infantil e cadete. Ademais de contar con dous equipo, o sénior masculino que compite en 2ª autonómica, e o sénior feminino, que compite na mesma categoría.