Deputación de Lugo

Besteiro e Roel supervisan a área de rexeneración medioambiental na que a Deputación investirá máis dun millón de euros

Imaxe deputación de lugo
A Deputación financiará o acondicionamento medioambiental da área de Lavandeiras para dar paso a un novo campo de fútbol e pistas reglamentarias de atletismo, ó carón do futuro parque de bombeiros.

Melchor Roel e Gómez Besteiro visitaron os novos parques infantís financiados pola Deputación. Estas actuacións súmanse a outras da Deputación de Lugo en Viveiro como as obras do parque de bombeiros, a apertura da Casa do Emigrante ou o curso pioneiro na provincia de sucesión na empresa familiar. O Presidente da Deputación –José Ramón Gómez Besteiro- e o Alcalde de Viveiro –Melchor Roel-, acompañados de Concelleiros e técnicos municipais, visitaron os terreos de Lavandeiras onde a Deputación de Lugo executará traballos de recuperación medioambiental co fin de crear un novo campo de fútbol e pistas de atletismo. Esta actuación, que superará o millón de euros, responde ó cumprimento da segunda parte do acordo adoptado polo Pleno de Viveiro, xa que a primeira parte -hoxe en trámite- consistía en recabar o apoio da Deputación para dotar de céspede artificial ó campo do Cembedo. A nova dotación deportiva estará situada ó carón da outra gran infraestrutura que co-financia a Deputación en Viveiro: o parque de bombeiros. O proxecto do Concello de Viveiro estima en 958.000 euros o custe da recuperación medioambiental que dará paso ás instalacións deportivas pero a Deputación de Lugo xa comprometeu o pago de máis dun millón de euros para as mesmas. O Presidente e o Alcalde supervisaron os terreos, hoxe en mal estado, que acollerán as infraestruturas deportivas e o parque de bombeiros. “Esta vai ser unha boa carta de presentación para Viveiro, ademais de facer un servizo importante como dotación para o Concello. Estamos a falar dun cambio de faciana desta mazá de entrada a Viveiro pola que pasa moita xente”, subraiou Besteiro, quen recordou que “estamos falando de operacións da Deputación de Lugo só en Celeiro que superan os dous millóns de euros”. O Alcalde de Viveiro considera importantes as futuras pistas de atletismo, xa que non existe ningunha entre Ferrol e Xixón que cumpran exactamente as medidas regramentarias, cando ademais no municipio residen varios campións nacionais e europeos de atletismo. “O que queremos é que esa beira da rúa teña no futuro un aspecto como a beira na que nos atopamos: totalmente acondicionado”, dixo Roel ó carón dos novos xogos infantís financiados pola Deputación. Melchor Roel destacou a diferenza de trato do organismo provincial co cambio de goberno e agradeceu “a sensibilidade do Presidente da Deputación con Viveiro porque vén investindo en todo aquelo no que durante 24 anos estabamos abandonados e que só recibiamos da Deputación por imperativo legal”. Novos parques infantís A comitiva supervisou os parques infantís de Lavandeiras e Lodeiro, ámbolos dous ampliados recentemente grazas ó apoio económico da Deputación de Lugo. Estas actuacións supuxeron un desenvolso de 24.000 euros. Por último, Gómez Besteiro quixo comprobar in situ o inicio dos traballos para o acondicionamento dun novo parque na Misericordia. As obras, tamén de carácter medioambiental e con mobiliario e xogos, terán un orzamento provincial de 32.000 euros. O Concello, pola súa banda, encargarse de acondicionar a zona verde. Estas actuacións da Deputación de Lugo, xa rematadas ou ben a piques de comezar, súmanse a outras de gran calado executadas nos últimos meses polo organismo provincial como foron a creación da Casa do Emigrante e as obras do parque de bombeiros de Viveiro –financiadas ó 100% pola Deputación e a Xunta de Galicia sen ningún custe para o Concello-. Sobre este asunto, Gómez Besteiro afirmou: “O lóxico é que o parque se faga aquí en Viveiro, e para nós non hai discusións doutras sedes. Pode haber outros parques… se algún ten caprichos, pero o que é seguro e que o Consorcio Provincial de Bombeiros vai ter dous parques nesta zona da provincia: Viveiro e Barreiros”. O Presidente anunciou que “imos seguir traballando en Viveiro e vanse cansar de vernos. Creo que ó final destes 4 anos imos chegar orgullosos a Viveiro polo tamaño das inversións da Deputación, e máis nestes momentos de crise nos que hai que asegurar moito as actuacións para garantizar que as podemos concluir”.