Deputación de Lugo

Antón Bao clausura o curso de galego para inmigrantes impartido no Centro Penitenciario de Monterroso

O pasado 15 de abril o vicepresidente primeiro da Deputación pechaba este mesmo curso no cárcere de Bonxe, centro onde tamén se puxo en marcha esta iniciativa

Un total de 37 alumnos de ambas prisións participaron neste proxecto que pretendía achegalos á lingua e á cultura galega O vicepresidente primeiro da Deputación, Antón Bao, clausurou este mércores o primeiro curso de galego para inmigrantes impartido nunha prisión lucense, no que participaron os centros penitenciarios de Bonxe e Monterroso. Nesta ocasión, Bao entregoulles un diploma acreditativo aos 15 alumnos do curso impartido nas instalacións do cárcere de Monterroso, xa que, a semana pasada, Antón Bao xa lle entregara o seu correspondente credencial ao alumnado da cárcere de Bonxe. Esta non é a primeira vez que desde a Área de Cultura da Deputación se poñen en marcha cursos de galego para inmigrantes, pero si a primeira na que os destinatarios obxecto do curso son exclusivamente poboación reclusa. Na súa intervención, Antón Bao, amosouse interesado en seguir coñecendo de primeira man a “vida nestes centros para establecer canles de colaboración coma que hoxe se clausura”. Un labor que deberían realizar todos os responsables políticos e culturais, asegurou. A maiores, o vicepresidente primeiro da Deputación ofreceuse a seguir colaborando con este e outros centros penitenciarios para pór en marcha proxectos beneficiosos para os reclusos. A diversidade lingüística existente nese espazo e a convivencia entre esas linguas foron outros dos asuntos dos que falou Bao ao longo do acto no que tamén estiveron presentes o director do centro penitenciario, Víctor Fraga Gayoso, o director da escola do cárcere, Pedro Francisco Cantero, a directora do ILEA, Teresa Iglesias e a docente que impartiu o taller, María Montes Rodríguez. Este curso de iniciación ao galego, que levou por nome A nosa lingua, faina túa! e foi totalmente gratuíto, tivo unha duración de 30 horas teórico-prácticas, nas que se lle ofreceron aos inmigrantes as canles necesarias para acadar as competencias mínimas da lingua galega, tanto na faceta oral como na escrita, propiciando unha formación nunha segunda lingua útil para a vida diaria. Outro dos obxectivos que se perseguía coa realización destes cursos era lograr que os alumnos acadasen un certo coñecemento da cultura galega, que lles permita situarse no novo espazo que ocupan. Nunha conversa informal co director do centro penitenciario de Monterroso, Víctor Fraga Gayoso, e cos organizadores das actividades, Antón Bao comentou que estes cursos pretenden “tender unha ponte cultural” para que a poboación que acaba de chegar ao noso país se adapte “mellor e de xeito progresivo” a unha nova cultura. Nesta liña, o vicepresidente primeiro da Deputación tamén afirmou que “estes cursos facilitan a integración dos inmigrantes na sociedade galega, evitando que vexan no idioma un atranco e o adquiran para eles como unha oportunidade”. Así, Bao salientou novamente que é un deber das administracións públicas facilitarlles ás persoas que chegan ao noso país os medios necesarios para a aprendizaxe do noso idioma, algo que sen dúbida redunda en beneficios para os inmigrantes e para a propia poboación local de cara a unha inserción sociolaboral non traumática.