Deputación de Lugo

A Deputación inviste preto de medio millón de euros na estrada provincial de Pobra de San Xillao ó Páramo

Gómez Besteiro supervisou as obras iniciadas esta semana e que contan cun prazo de execución de mes e medio

O vial inclúese dentro do Plan de Obras e Servizos de 2008, dotado con 2,2 millóns de euros O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado dos Alcaldes do Páramo e de Láncara, Gumersindo Rodríguez e Darío Piñeiro, e de técnicos provinciais, supervisou este venres os traballos de acondicionamento que o organismo provincial está a levar a cabo na estrada provincial CP 4304 que vai de Pobra de San Xillao ó Páramo. A obra, que conta cun investimento de 420.000 euros, inclúese dentro do Plan de Obras e Servizos de 2008, dotado con 2,2 millóns de euros. Os traballos comezaron este mércores e teñen unha duración dun mes e medio. Comprenden un treito de 5,8 quilómetros e inclúen a excavación de arcéns, recheo con zahorra e a correspondente sinalización vertical e horizontal co obxectivo de garantir a seguridade dos viandantes. Ademais, aplicarase aglomerado en quente en toda a calzada con 7,50 metros de rodadura, para garantir a súa durabilidade. Gómez Besteiro destacou que “esta obra é a columna vertebral deste municipio porque permite conectar o Páramo con Láncara. Ademais, é unha vía compartida coa Xunta de Galicia, da que xestionamos ó 65% deste vial. Por tanto, entra no acordo ó que temos que chegar dentro da política de transferencia das estradas. Pero tamén é importante para o municipio lancarés por que é a saída ó Corredor”. “Compromiso serio co Páramo” Esta obra forma parte do POS do ano pasado, xunto con outras 4 que o organismo provincial xa adxudicou definitivamente: acondicionamento de varios accesos a núcleos no Concello de Ourol; mellora dun treito de 9 quilómetros da estrada provincial que vai de Cereixal a Louxas, nos Concellos de Becerreá, Baleira, Navia de Suarna e A Fonsagrada; doutro de 3,2 quilómetros da estrada Feira do Monte a Castro, nos Concellos de Cospeito e Castro de Rei; e acondicionamento dun treito de 5 quilómetros da CP 2101 que une Friol e Parga. Gómez Besteiro subliñou o esforzo que está a facer a Deputación no Concello do Páramo que se cifra nuns 700.000 euros, e que se suma á colaboración do Goberno Central. “O compromiso que temos co Páramo é serio. A Deputación vai poñer en marcha o pago do Plan de Obras para os Concellos do canon, a través do que ó Páramo lle corresponden preto de 230.000 euros. A isto hai que sumarlle a aportación dos diferentes Plans de Coopreración provinciais e o Plan E de Zapatero”. O Alcalde do Páramo, amosou a súa satisfacción pola actuación da Deputación “xa que esta estrada é a arteria principal en circulación rodada que une a Pobra con Portomarín, pasando polo Páramo. Vaise dotar de aglomerado e isto para nós significa moito porque axuda ó desenvolvemento do municipio”. Pola súa banda, o rexedor lancarés engadiu que “malia que non pasa polo casco urbano para nós tamén e importante porque une a capitalidade co Corredor”.