Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo resolve a favor dos traballadores ata que os tribunais dicten senteza sobre a Oferta de Emprego Público de 2007

A Xunta de Goberno adxudica definitivamente obras por 723.000 euros

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo acordou a promoción interna de tres funcionarios e tres traballadores do persoal laboral dentro da Oferta de Emprego Público 2007, e un funcionario e cinco traballadores do persoal laboral da Nova Oferta de Emprego Público 2004. Con respecto á de 2007, que está recurrida ante os tribunais, o voceiro do grupo provincial do PSOE, Antonio Gato, sinalou que “esta decisión tomouse porque non hai ningunha medida cautelar de suspensión por parte do xulgado”. Para a Delegación de Réxime Interior e Persoal prima o criterio pro operari , no que “ante a dúbida, resólvese a favor do traballador”, dixo Gato Soengas. No momento no que se dicte sentenza executarase o que estableza a mesma. A goberno provincial tamén acordou solicitar á Consellería de Industria unha subvención para a implantación de intranet nos 67 concellos da provincia e na Deputación e dunha extranet que os comunique entre eles. Estímase que a posta en marcha deste proxecto supoñerá un custo de 298.000 euros, e solicitarase á Xunta de Galicia unha subvención do 75%. “Para acadar esta axuda apelamos ó Conselleiro de Industria, Fernando Blanco que, polo seu pasado como deputado provincial, coñece moi ben as deficiencias que nesta materia teñen os Concellos da nosa provincia”, dixo o voceiro do PSOE. Control do gasto A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo tamén aprobou a convocatoria dun concurso público para a subministración de material de oficina destinado ós distintos servizos da institución provincial. “Esta iniciativa forma parte da política de contención de gastos que pretende aplicar a Delegación de Economía que dirixe a Deputada Regina Polín”, segundo sinalou o voceiro do grupo socialista, Antonio Gato Soengas. En 2006 gastáronse 80.220 euros neste capítulo, e nos nove primeiros meses de 2007, 62.5000 euros. Coa convocatoria deste concurso preténdese artellar un mecanismo de control que permita optimizar o uso de material e, o polo tanto, reducir o seu custo. O tipo máximo de licitación será de 80.000 euros, aínda que só se aboará o que corresponda ó material efectivamente subministrado. Gato Soengas lembrou que “esta medida aplícase xa noutras administracións, pero ata o de agora nunca se fixera na Deputación de Lugo”. Outros acordos da Xunta de Goberno A Xunta de Goberno tamén adxudicou definitivamente seis obras de mellora na rede viaria nos concellos de Antas de Ulla, Lourenzá, Mondoñedo, Lugo, Taboada e Vilalba. O importe total destas adxudicacións é de 723.330 euros. Por outra banda, o goberno provincial acordou modificar o proxecto de sanemaneto do núcleo de Acebro en San Estevo, na Pontenova, para dar servizo ó maior número de vivendas posible e evitar zonas de paso entre as casas. Mantense o presuposto inicial de 60.327 euros.