Deputación de Lugo

O CENTRAD imparte a técnica de reciclaxe, unha da modalidades máis vangardistas da cestería

A especialista neste campo, Lois Walpole, amosa ós asistentes dos cursos do Centro da Deputación as particularidades desta modalidade

O Centro de Artesanía e Deseño da Deputación está a investigar as metodoloxías máis vangardistas co obxectivo de aplicalas á cestería e de ofrecer cursos cada vez máis innovadores. Neste senso, a artesá inglesa, Lois Walpole, amosa ós asistentes do obradoiro, que estes días se desenvolve no Centro de Cestería do río rato, baseado na reciclaxe. Esta modalidade consiste na aplicación de materiais reciclados á cestería. Entre as técnicas máis novidosas ás que se aplica está a do vimbio en vivo, que consiste en irlle dando forma á pranta cando aínda está na terra para que medre coa forma desexada. No caso o obradoiro que ofrece o CENTRAD, os participantes aprenderán o procedemento que hai que seguir para a fabricación dos cestos da roupa sucia ou da almacenaxe, empregando materiais reciclados. O curso desenvólvese desde hoxe ata o venres, en horario de 10:00 a 14:00 horas pola mañá, e de 16:00 a 20:00 pola tarde. Dispón de 40 horas de formación e inclúese dentro da programación de primavera do CENTRAD, ó igual que os de cerámica e o de shibori e plisados para seda, que darán comezo o 8 de xuño.