Deputación de Lugo

A Deputación contribúe á recuperación histórica da figura da espía Araceli

Imaxe deputación de lugo
A institución provincial, a través da Fundación TIC, patrocina a rodaxe do produto audiovisual que rememora o pasado da espía luguesa

Gómez Besteiro, que participou nunha das secuencias, subliñou que paga a pena de reivindicar a figura desta muller, que xa forma parte da historia de Lugo O Presidente da Deputación e da Fundación TIC, José Ramón Gómez Besteiro,e o Director Xeral de Lugopress, José de Cora, asinaron este mércores o convenio de colaboración para a recuperación histórica de Araceli González Carballo, espía nada neste municipio. A través deste acordo, o organismo provincial, a través da Fundación TIC, patrocina un documental sobre a vida deste personaxe. Gómez Besteiro destacou que paga a pena recuperar e reivindicar a figura histórica desta muller, que xa forma parte da historia de Lugo. O produto audiovisual rodouse durante o mes de maio en diferentes localizacións da provincia. Precisamente, Gómez Besteiro participou nunha das secuencias do documental. Ademais, a Deputación prestou asesoramento técnico, de tal xeito que dous alumnos da Escola de Imaxe e Son de Lugo formaron parte do equipo técnico da rodaxe. O máximo mandatario provincial subliñou que a intención é estrear o produto audivisual a principios do ano que vén e presentalo xunto outras accións como conferencias e publicacións. O acordo tamén contempla un encontro do director de Araceli cos alumnos da EIS de Lugo, ademais da realización dun seminario técnico sobre a rodaxe. Sinopse do documental Araceli González-Carballo González naceu o 6 de xullo de 1914 nunha casona preto da cidade de Lugo. Con esta orixe, e despois de traballar no Hospital de Santa María, durante a guerra civil viaxou a Burgos, onde coñeceu a Juan Pujol García, que traballou como dobre espía para os servizos secretos alemáns e británicos. Juan e Araceli casan en Madrid, e a parella comeza unha aventura que ten un fantástico e utópico obxectivo: acabar con Hitler e interromper os plans expansionistas do III Reich. O momento decisivo de Juan e Araceli chegará en 1944, cando a flota estadounidense decide intervir en Europa. Os espías españois serán os encargados de lle facer crer que o maior continxente de tropas vai establecer unha cabeza de praia polo paso de Calais, cando en realidade o desembarco será unicamente en Normandía. O engano chegará a tal punto que, pouco antes de morrer no bunker, Hitler concede a Pujol a Gran Cruz de Ferro. Mentres que, pola súa banda, os ingleses outórganlle a Orde do Imperio Británico. Dese feito Pujol é o primeiro espía dobre condecorado por ámbolos dous bandos. Pero o gran papel correspóndelle realmente a Araceli. A lucense é quen manexa os fíos baixo a apariencia dunha entrañable e inofensiva dama. Teimuda por viaxar a Lugo, Araceli fai valer finalmente a súa posición como esposa de Pujol para entrevistarse con Churchill e conseguir o permiso necesario para visitar á súa nai. Coa súa simpatía e o bo facer, consegue que Churchill a deixe saír de Inglaterra.