Deputación de Lugo

A Deputación acondiciona os accesos ó Pazo de Tor por valor de 58.000 euros

O Deputado de Urbanismo supervisou os traballos, que se prolongarán ata medidados de xuño, e que inclúen o acondicionamento dos accesos exteriores e interiores ó Pazo

Sotuela instou de novo á actual Xunta de Galicia a que nomee ós membros do Padroado e destacou que “seguimos sen ter ningún tipo de resposta ó escrito no que Gómez Besteiro solicitaba unha reunión con Feijoo para regularizar a situación da Fundación” A Deputación segue recopilando informes técnicos de distintas administracións para determinar a preservación do patrimonio e a situación dos traballadores do Pazo O Deputado de Urbanismo, Miguel Ángel Sotuela, acompañado de técnicos provinciais, supervisou este xoves as obras de acondicionamento dos accesos ó Pazo de Tor, que a Deputación está a levar a cabo no contorno deste edificio. Sotuela destacou que “cando visitamos o Pazo hai unhas semanas puidemos comprobar que estes eran camiños impracticables. Isto foi debido, presuntamente, ós danos que causaron os vehículos que sacaron a madeira despois de que os anteriores membros do Padroado autorizasen unha tala masiva na finca que colinda co edificio. Dado o estado de deterioro, procedemos de xeito urxente á reparación dos mesmos, xa que este patrimonio está a ser visitado por moita xente”. Os traballos comezaron este mesmo luns e prolongaranse ata mediados de xuño. Contan cun investimento de 58.000 euros e inclúen obras de mellora tanto nos accesos exteriores como interiores do Pazo. No primeiro caso, estase a realizar a apertura de cunetas desde o cruce da estrada provincial CP 0901 á entrada do Pazo por ámbalas dúas marxes da estrada. A actuación inclúe o saneo en 50 centímetros polos dous lados, recheo e aplicación de zahorra artificial e grava cunha sub-base de 15 centímetros, así como dobre tratamento asfáltico. O responsable de Urbanismo da Deputación explicou que nos accesos interiores, o organismo provincial está a executar a mellora do ramal que comunica a estrada provincial co Pazo, ademais da limpeza e da rexeneración deste treito de 350 metros de lonxitude, que leva gravilla en 3 centímetros e outros 2 de rego asfáltico. Asimesmo, o proxecto de mellora dos accesos inclúe a aplicación de zahorra no camiño que vai ó centro dos animais e o desbroce da maleza existente. Sen resposta da Xunta Sotuela aproveitou a ocasión para instar de novo á actual Xunta de Galicia a que nomee ós membros do Padroado. O Deputado de Urbanismo lembrou que o 24 de abril a Deputación enviou á Consellería de Medio Ambiente a información do cese dos antigos patronos, así como dos novos representantes da Fundación co obxectivo de que o departamento autonómico nomease canto antes ós seus representantes. “Hai que dicir que se isto non vai máis rápado é porque estamos sen acabar de completar o padroado. Non hai que esquecer que a Consellería é a institución que, xunto coa Deputación, son as que dirixen este padroado. Por tanto, se continuamos sen estes nomes, mérmase a nosa capacidade de manobra, aínda que isto non impide que se fagan cousas”. A este respecto, Sotuela engadiu que “non podemos deixar que isto se abandone de todo. Isto está cheo de herba, que no caso de que seque, pode ser un perigo se hai un incendio e que incluso se vexan afectadas estas instalacions. Por iso, hoxe mesmo ordenamos que a empresa desbroce o contorno do Centro Superior Cinexético”. O responsable de Urbanismo da Deputación sinalou, ademais, que “seguimos sen ter resposta ó escrito no que o Presidente do organismo provincial solicitaba unha entrevista con Feijoo para tratar de regularizar a situación na que se atopa esta Fundación. O escrito enviámolo o día 20 de abril, dous días despois de que o Presidente da Xunta tomase posesión do seu cargo, pero seguimos sen ter ningún tipo de noticia ó respecto”. Informes técnicos Asimesmo, engadiu que “seguimos recopilando informes técnicos de diferentes administracións para ver en que situación se atopan os traballadores. Xa temos un do servizo de patrimonio provincial no que se pon de relevo que a Deputación non pode renunciar a perder o seu patrimonio”. No caso do deste último, especifícase que “os ben adscritos á Fundación son propiedade do organismo provincial, polo que esta institución debe velar por eles, de xeito que non van ser vendidios, cedidos ou hipotecados. Asimesmo, o documento conclúe que a Deputación, en base ós impostos de esixencia legal para todas as entidades locais, ten a obriga de exercer as accións que sexan necesarias para a defensa dos seus bens e dereitos. Obriga legal que a Deputación de Lugo ten o deber de acatar”.