Deputación de Lugo

O Pleno da Deputación aprobará unha declaración institucional en contra do ERE de Pascual

Gómez Besteiro, acompañado dos voceiros dos grupos políticos, reuniuse cos representantes da factoría para brindarlles o apoio da institución

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado dos voceiros dos grupos políticos, reuniuse este martes cos representantes do comité de empresa de Pascual para analizar a situación que están atravesando os traballadores afectados polo ERE. No transcurso da xuntanza Gómez Besteiro, explicoulles que o Pleno provincial aprobará esta tarde unha declaración institucional en contra do expedente de regulación de empresa da factoría. O acordo, que inclúe a oposición ó peche da empresa ubicada en Outerio de Rei, así como impulsar iniciativas políticas e sociais encamiñadas a lograr que se regulen os postos de traballo, comunícaraselle á dirección do Grupo Pascual. Deste xeito, Gómez Besteiro, mantén que “é preocupante que unha empresa que leva moitos anos desenvolvendo a súa actividade decida pechar a fábrica de Outeiro de Rei, sobre todo porque afecta a un bo número de traballadores e a unha provincia cunha grande produción leiteira”. Logo da xuntaza co Presidente do organismo provincial, o asesor xurídico dos empregados de Pascual, Alberte Xullo, destacou que “seguimos pendentes do ERE pero cada vez vemos máis cerca que este non vai poder prosperar ou que vai ser rexeitado en caso de que a empresa insista en presentalo”. Asimesmo, o representante do Comité de Empresa, Jesús Castro sinalou que “estamos moi satisfeitos coas reunións que tivemos coa Deputación e con todos os partidos políticos, o que nos fai ser máis fortes á hora das reivindicacións que temos ante a empresa e máis convencidos de que temos a razón, así como de que vamos conseguir que este ERE se deteña”. Plan Estratéxico Segundo anunciou Gómez Besteiro, a Deputación, pola súa banda, levará a cabo unha campaña a favor do “consumo intelixente”, de xeito que se potencie o consumo do leite procedente dos produtores da provincia, xa que “temos que ser conscientes de que esta situación non só afecta á zona rural senón tamén á zona urbana, e é un dos sectores estratéxicos da provincia”. Gómez Besteiro adiantou que a situación de Pascual abordarase tamén nas mesas sectoriais do Plan Estratéxico. O pasado 5 de maio, a empresa Pascual anunciou o peche da factoría de Lugo e presentou en expedente de regulación de emprego para uns 155 traballadores e o cese da actividade que viña desenvolvendo desde hai 15 anos.