Deputación de Lugo

O INLUDES promociona a Reserva Terras do Miño en Castro Riberas de Lea

Imaxe deputación de lugo
A exposición “A Reserva Terras do Miño. LIC Parga-Ladra-Támoga. O Programa LIFE-Natureza” amosa a bioxeografía da Reserva

O INLUDES, organismo autónomo dependente da Deputación de Lugo, promociona a Reserva da Biosfera Terras do Miño na Terra Chá, concretamente en Castro Riberas de Lea. A exposición “A Reserva da Biosfera Terras do Miño. LIC Parga-Ladra-Támoga. O Programa LIFE-Natureza” permanece desde hoxe ata o 5 de xuño na antiga Biblioteca Municipal. A mostra amosa a bioxeografía de Terras do Miño, a primeira Reserva da Biosfera declarada en Galicia no ano 2002. Natureza, etnografía e cultura acompañan a exposición, donde estudantes, asosiacións e o público en xeral, participan de visitas guiadas e dunha proxección do DVD: “LIC Parga-Ladra-Támoga. Terras de Pedra e Auga”. Toda unha serie de material divulgativo, folletos e marcadores de páxinas constitúen o material de apoio da exposición, que é entregado de balde a todos os visitantes, e que amosa o labor realizado polo INLUDES en materia de educación ambiental, conservación e xestión do medio natural. Ademais, o martes e o xoves desta semana preto de 100 escolares do Concello chairego participarán nunha visita guiada na que técnicos do Instituto Lucense de Desenvolvemento Económico e Social (INLUDES) amosarán ós alumnos a calidade ambiental e a riqueza natural da zona, así como a variedade florística, representadas polos bosques da ribeira, árbores centenarias, prantas acuáticas, etc. A visita guiada inclúe un percorrido polas Ínsuas do Miño. A mostra inaugurouse no ano 2005 e desde entón estivo exposta ó público en lugares como o Museo Provincial de Lugo, Centro de Interpretación da Lagoa de Cospeito, Centro de Interpretación Terras do Miño, Auditorio de Mondoñedo, IES Fontem Alobaei da Fonsagrada, na Casa da Cultura de Vegado (Asturias), Escola Abanera de Guitiriz, Biblioteca Municipal de Ribas de Sil, edificio Multiusos de Monforte, Casa da Cultura de Lourenzá e no Centro de Interpretación e Turismo de Ribadeo, expoñéndose paralalelamente ó logo de distintos seminarios e cursos impartidos tanto a nivel provincial, como nacional (País Vasco) e internacional (México e Francia). Unha vez rematada a estancia no municipio chairego, a exposición continuará o seu percorrido itinerante polos distintos Concellos da provincia co obxectivo de achegar ós escolares e á poboación en xeral conceptos como os de “Reserva da Biosfera” ou “Rede Natura 2000”.