Deputación de Lugo

As forxas de ferro de Riotorto, esta semana en Km0

Veciños de Castro de Rei e Meira participan neste programa de visitas medioambientais que promove a Deputación

Os lugares relacionados coa forxa de ferro e os Canóns do Sil protagonizan o programa Km0 na primeira semana de xuño. Un cento de veciños de Meira e Castro de Rei participarán nas tres primeiras rutas deste mes dentro desta iniciativa que ten por obxectivo dar a coñecer ós lucenses a riqueza medioambiental da nosa provincia e promover a nosa economía. O Deputado da Rede Viaria Provincial, Juan José Díaz Valiño, recibiu este martes no Pazo de San Marcos a un grupo da Asociación sociocultural de Covelo, do Concello de Castro de Rei, que elexiu unha ruta relacionda co mundo do ferro. En primeiro lugar, os participantes coñeceron o conxunto etnográfico do Mazo de Santa Comba e a continuación desprazáronse ata Riotorto, onde visitaron varias forxas, así como os Fornos da Pontenova. Por outra banda, os Canóns do Sil serán os principais protagonistas nas rutas do mércores e o xoves. Mañá en Km0 participarán 36 mulleres pertencentes á Asociación de Amas de Casa Río Miño de Meira. Visitarán a Ínsua de Burneiros e, xa na Ribeira Sacra, farán un percorrido en catamarán polo Río Sil desde Chancís, no Concello de Sober, e visitarán os Muíños de Xábrega. En canto ó xoves, a Asociación Amigos Feira de Castro de Rei elexiu o Mazo de Santa Comba antes de facer o paseo fluvial polos Canós do Sil e coñecer os Muíños de Xábrega.