Deputación de Lugo

Lara Méndez apela á colaboración co sector gandeiro “porque a vaca é o ladrillo de Lugo”

A Vicepresidenta Segunda participou na inauguración da Xornada de Vacún de Carne organizada por Unións Agrarias

Méndez destacou a contribución da Deputación ó sector gandeiro co convenio que o organismo mantén con ACRUGA e coa construción do Centro de Recría na Granxa Gayoso Castro A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, participou este venres na inauguración da Xornada de Vacún de Carne organizada por Unións Agrarias. Lara Méndez, que estivo acompañada polo Alcalde de Lugo, José López Orozco, e polo Secretario da Executiva de Unións Agrarias, José Rodríguez, destacou que chegou o momento de aplicar solucións, afondando nos motivos polos que a produción do leite e da carne non é todo o rendible que debería, a pesar de que temos a materia prima de maior calidade de España. A este respecto, a Vicepresidenta Segunda matizou que a baixada tan importante de prezos en orixe, que acompañada do incremento dos custes de produción e o alto valor que acada a carne no mercado, “fan que estes sexan momentos difíciles para todos”. Neste senso, sinalou que o gandeiro, que tarda nove meses en criar un tenreiro cando o vai vender, percibe apenas 1.000 euros e, pola contra, un carniceiro gaña en 8 días 1.800, “o que evidencia que as explotacións galegas e moitas luguesas corren o risco de desaparecer”. O 54% das vacas de carne de toda Galicia está en Lugo, de tal xeito que das 266.527 vacas que hai en total na provincia, preto de 115.317 son de carne. Lara Méndez subliñou que, posto que o sector gandeiro ten un grande peso na provincia, “á marxe das medidas que terá que poñer urxentemente enriba da mesa a Xunta de Galicia, que é a quen lle corresponde agora mover ficha, a Deputación continuará impulsando a produción de carne e a rubia galega porque o noso Presidente sempre defende que a vaca é o ladrillo de Lugo, e que a vaca é para esta provincia o que Citroen é para Vigo”. Apoio ó sector gandeiro Preto de 700 gandeiros participaron na xornada que constou de tres mesas redondas na que se analizou a situación da carne de vacún, a valorización do produto vía marca de caliddae, así como a cuantificación e definición das funcións ligadas á produción da carne. Lara Méndez destacou a contribución da Deputación ó sector gandeiro co convenio que o organismo mantén con ACRUGA e coa construción do Centro de Recría da Granxa Gayoso. O vínculo da Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacuno Selecto de Raza Rubia Galega co organismo provincial comezou hai dous anos coa firma do convenio no que se establece que a Asociación deposita un número de novillas nas instalacións provinciais para expandir a raza. As reses cómpranse ós gandeiros e logo véndense a outros puntos de España. Ademais, o acordo implica a promoción da raza coa participación en concursos nacionais e rexionais, con presenza dun número importante de animais da Granxa. Sen ir máis lonxe, a Deputación cedeu 19 destas novillas para a Feira de San Isidro que se celebrou a pasada fin de semana en Sarria. Para apoiar ó sector lácteo, a Deputación xa está redactando o proxecto do Centro de Recría da Granxa Gayoso, de tal xeito que no prazo dun mes quedará rematado. É un dos proxectos máis ambiciosos levados a cabo no últimos anos no campo galego e conta cun investimento de 5 millóns de euros. Asimesmo, dentro do compromiso de apoiar ó sector gandeiro o organismo provincial prepara outra liña de axudas para os gandeiros dentro do programa Lug02, que conta co respaldo da Unión Europea e que axudará ós gandeiros a facer máis rendibles os residuos que xeneren nas explotacións e a reducir o impacto da súa actividade no medio natural. Xa se iniciou o proceso de contratación desta iniciativa na que a institución provincial inviste 200.000 euros.