Deputación de Lugo

O novo Goberno da Deputación apoiará aos Clubes que aposten polo deporte de base

O responsable de Deportes da Deputación, Antonio Veiga, pon o “modelo social e de base” do Clube Azkar Fútbol Sala como “referente a seguir” por parte do resto de clubes

De cara ao vindeiro ano aplicaráse un baremo obxectivo para a concesión de subvencións deportivas onde se terá en conta a atención ao deporte base, contar con equipos de deporte feminino, o número de competicións nas que participe cada clube ou os desprazamentos as realizar LUGO, 13 DE NOVEMBRO. A directiva ao completo do Clube Azkar Fútbol Sala foi recibida oficialmente hoxe na Deputación de Lugo por parte vicepresidente da institución e do responsable de Deportes, os nacionalistas Antón Bao e Antonio Veiga. Tanto Bao como Veiga puxeron ao Azkar como “modelo a seguir” pola súa aposta “social e de base” e anunciaron que o novo Goberno da Deputación primará aos clubes que aposten pola canteira á hora de conceder as subvencións deportivas. Nun encontro coa nova xunta directiva do Azkar, encabezada polo seu presidente, Manuel Jesús Vázquez Corredoira, e polo xerente, Óscar Hermida, o responsable de Deportes da Deputación, Antonio Veiga, anunciou que a institución provincial establecerá o vindeiro ano uns “baremos claros” e uns “criterios obxectivos” para a concesión das subvencións deportivas, nas que se primará o deporte base, o deporte feminino e o deporte tradicional. Entre outras cuestións, explicou Antonio Veiga, teráse en conta de xeito positivo á hora de outorgar as axudas a atención que o clube en cuestión preste ao deporte base, que conte con equipos femininos, o número de competicións nas que está inscrito ou os desprazamentos que ten que realizar. O responsable nacionalista eloxiou o traballo que o Azkar fai coa canteira, onde en torno a 200 cativos xogan nos seus equipos das distintas categorías. O obxectivo, segundo explicaron os directivos do Azkar, é que nun horizonte de entre 4 e 5 anos o primeiro equipo teña un mínimo 5 xogadores galegos. Neste momento o equipo filial, que xoga na Primeira Nacional A, xa é integramente galego, tanto os xogadores como o corpo técnico. Antonio Veiga destacou tamén a “función social do deporte” e a labor que neste campo realiza o equipo de fútbol sala lugués. O resposable de Deportes da Deputación destacou como un equipo de élite como é o Azkar pode “repercutir na sociedade parte do seu traballo”. Neste sentido, a directiva do Azkar presentou aos responsables do novo Goberno da Deputación o proxecto deportivo e social da Fundación Azkar. SEN APOIO DA DEPUTACIÓN A pesares desta importante labor realizada polo Azkar, ata o de agora prácticamente non recibía apoio de ningún tipo por parte da Deputación. Sen embargo, anunciou Antonio Veiga, proxectos deste tipo, con importantes contrapartidas sociais, serán apoiados dende a institución provincial. Veiga defendeu que o apoio ao deporte ten que estar “libre de sospeita” e non depender de “apetencias persoais”, polo que a concesión das axudas aos distintos clubes faráse, anunciou, “con obxectividade e transparencia. Preténdese deste xeito acabar coa “discrecionalidade e a arbitrariedade” coa que eran repartidas ata o de agora as axudas aos clubes deportivos da provincia por parte do Goberno do Partido Popular en mans de Francisco Cacharro. O anterior Goberno deixou pendente a aprobación do plan anual de subvencións a clubes deportivos polo que neste momento todas as subvencións deportivas solicitadas no ano 2007 están pendentes de ser outorgadas. A estas axudas xa lles serán aplicados uns baremos obxectivos que se manterán nos vindeiros anos.