Deputación de Lugo

A dotación de persoal para poñer en marcha a cooperación cos Concellos centra o pleno provincial desta tarde

A Corporación aproba a reforma do Servizo de Recadación Provincial

O Pleno da Deputación Provincial de Lugo aprobou este martes a modificación da Relación de Postos de Traballo para 2007 que ten por obxectivo mellorar a colaboración cos concellos, a principal prioridade do actual equipo de goberno que o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, xa subliñaba no seu discurso de investidura. A modificación afecta ás áreas de Cooperación e Asistencia ós Concellos e a de Infraestruturas e Obras. No primeiro caso créanse tres prazas (secretario-interventor, arquitecto e técnico superior informático) e incorpórase un posto de traballo de administrativo polo sistema de concurso. Deste xeito queda configurado o novo servizo de asistencia xurídica, técnica e informática da provincia que será un dos piares fundamentais na colaboración cos 67 concellos da provincia e que terá entre as sús funcións a de prestar asistencia técnica ás entidades locais mediante a elaboración de estudos, proxectos e dirección de obras, en especial no ámbito do urbanismo. Ademais incorporarase ó departamento que dirixe Antonio Gato Soengas, o Negociado de Plans Especiais e o persoal correspondente. Polo que se refire á Área de Infraestruturas e Obras, crearanse dous postos de traballo de Celador de Vías e Obras e un de secretario, e dotarase o posto de Adxunto Xefe de Servizo de Construcción, Conservación e Explotación que figura na vixente RTP como vacante non dotada. Ademais, incorporaranse doutras unidades o Servizo de Contratacións e Plans e a sección de Valoracións, ata agora depedente de Urbanismo, co obxecto de mellorar a coordenación entre as funcións de expropiacións e as propias de Infraestructuras e Obras. Con estas modificacións, o departamento que encabeza Manuel Martínez pretende configurar esta Área dun xeito máis homoxéneo e racional. Servizo Provincial de Recadación O Pleno Provincial tamén aprobou a proposta de reforma do Servizo Provincial de Recadación, que depende a Área de Cooperación cos Concellos. Modifícanse as bases polas que se rexe actualmente, co obxectivo de acadar a súa modernización e unha maior eficiencia. Contémplase, entre outros aspectos, o establecemento dun sistema de anticipos mensuais ós municipios en base ás previsións de recadación, sen custo para estes. A cantidade máxima a adiantar será igual ó 80% do recadado no municipio ó axercicio anterior. Os concellos que se acollan a esta posiblidade recibirán o importe total dividido en 12 mensualidades, que lles serán ingresados a primeiros de cada mes. Tamén se modifica á baixa o importe que deben pagar os concellos pola xestión do Servizo, que pasará do 6% actual ó 5%, e melloraranse os sistemas informáticos e procedementos para o desempeño das competencias encomendadas, especialmente no ámbito da recadación executiva. Modificación dos Presupostos Outro dos asuntos aprobados pola Corporación Provincial foi a modificación do Orzamento de 2007 que permitirá indemnizar con preto de un millón de euros ó lucense que quedou tetrapléxico a consecuencia dun accidente de tráfico sucedido nunha vía provincial en 2004. Dase así cumprimento a sentenza dictada en marzo polo Xulgado Contencioso-Administrativo que condena á Administración provincial a aboar ó accidentado 866.885,22 euros, ós que hai que sumar 95.713,63 euros de intereses. Aínda que o anterior equipo de goberno provincial no pagou esta indemnización, os actuais responsables da Deputación consideran que era necesario poñer fin a unha inxustiza polo que tomaron a decisión da modificar os presupostos para poder aboar esta cantidade. No pleno, a Deputada de Economía, Regina Polín, pediu disculpas tanto ó rapaz afectado como a súa familia polo retraso no cumprimento desta sentenza. O sinistro tivo lugar no quilómetro 3 da estrada provincial Vilamaior de Negral, no concello de Lugo, cando o coche que conducía Digo Moldes bateu contra o tronco dunha árbore en mal estado, que caera cinco minutos antes na estrada.