Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación presentou a nova Área
de Cooperación cos Concellos cando se cumpren
100 días de goberno

Este servizo ofrecerá asistencia técnica, xurídica e económica ós Concellos

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, e o Deputado responsable de Cooperación cos Concellos, Antonio Gato, presentaron este luns a nova Área de Cooperación cos Concellos cando xusto se cumpren 100 días de goberno desde a toma de posesión da nova Corporación Provincial. Trátase dun novo servizo que marca “a nova andaina da Deputación, na que a acción política se reorienta cara a cooperación e a asistencia cos concellos, converténdose estes nos protagonistas”, tal e como indicou o Presidente provincial. O máximo mandatario provincial reivindicou o traballo realizado desde o pasado mes de xullo. Os cambios nas formas -na que a máxima principal pasou a ser a cooperación cos concellos, incluíndo unha rolda de entrevistas con todos os Alcaldes da provincia-. nos feitos –afrontando negociacións e débedas históricas da Deputación (canon de Chantada, parques de bombeiros, transferencia dos hospitais ó SERGAS, pago de débedas históricas) e a elaboración do novo regulamento orgánico da Deputación foron os principais asuntos abordados nos 100 primeiros días de goberno. Nova Área Con respecto ó novo deseño da Área de Cooperación cos Concellos, o Presidente fixo fincapé en que as obras son importantes pero a principal necesidade dos municipios “é o respaldo na asistencia técnica, xurídica, económica, etc. Temos que cooperar cos Concellos porque é a institución da que procedemos todos nós”. O Deputado encargado, Antonio Gato, sinalou que as obrigas na Lei de bases de réxime local e a estrutura provincial –dos 67 concellos, 55 contan con menos de 5.000 habitantes, o que representa o 85% da provincia-, engadido ó incumprimento sistemático das obrigas de asistencia ós Concellos por parte da Deputación, “fan máis necesaria, se cabe, a creación deste Área”. Así, no vindeiro pleno, que terá lugar o 30 de outubro, aprobarase a nova configuración do servizo de asistencia xurídica, técnica e informática da provincia. Para isto crearanse 9 prazas que se engaden á de letrado xefe existente: secretario-interventor, enxeñeiro informático e 1 arquitecto, entre outros, que desempeñarán as funcións de asistencia xurídica, económica, técnica, así como, aquelas que lle competen ós funcionarios de corpos nacionais de secretario e interventor. Trátase “dun novo deseño que vai marcar unha nova etapa na relación cos Concellos, que porá fin ó modelo anterior no que existía falta de diálogo, de axudas e de cooperación”, indicou Gato Soengas. Antes de ser presentada hoxe a nova área de Cooperación cos Concellos, a Deputación adiantou en días pasados dous cambios máis en beneficio dos municipios: a nova reestruturación do Servizo Provincial de Recadación e o plan de instalación de intranet e extranet para que os Concellos poidan traballar en rede coa Deputación. Balance 100 días de goberno Profundizando no balance, o Presidente da Deputación subraiou: “A valoración é totalmente positiva. Precisamente, esta nova Área que hoxe presentamos permitirá beneficiar ós pequenos Concellos que son os que máis o necesitan”, indicou Gómez Besteiro. Nesta liña, o Presidente Provincial, sinalou que nestes 100 días de goberno leváronse a cabo as medidas para afrontar as débedas históricas como o próximo pago do canon de Chantada, o inicio dun plan serio para comarcalizar varios parques de bombeiros na provincia, o abono das débedas económicas á FEMP e á FEGAMP. “Superamos unha fase de aillamento regularizando contas pendentes. O que non se pode facer é tender unha man ó futuro senón se saldan as contas do pasado”. Neste senso, o máximo mandatario provincial tamén destacou as negociacións coa Consellería de Sanidade para a transferencia dos hospitais provinciais como un dos asuntos nos que está a traballar o novo equipo de goberno. Gómez Besteiro anunciou ademais que no mes de novembro estará listo o novo borrador orgánico da Deputación, de xeito que “se institucionaliza unha nova forma de goberno dignificándose o papel da oposición”. Relacións co BNG Gómez Besteiro tamén amosou a súa satisfacción por cómo está a ser a relación cos seus socios de goberno: “Interiorizamos este momento histórico e estamos a altura das circunstancias despois de 24 anos de goberno do Partido Popular”.