Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo apoia ó Azkar participando na presentación do equipo para a nova tempada

Gómez Besteiro destacou que a colaboración entre as dúas institucións son obxectivo da Deputación

O Presidente da Deputación Provincial, José Ramón Gómez Besteiro, asistiu este martes á presentación do Azkar Lugo para a tempada 2007-2008 diante da súa afección, no Pavillón Municipal dos Deportes. Gómez Besteiro, subliñou que “é un pracer estar hoxe aquí, xa que considero que as institucións debemos implicarnos nos proxectos deportivos desta provincia. Debemos sumar esforzos, que é o grande obxectivo da nova Deputación de lugo”. No acto no que tamén estiveron presentes outras autoridades como o Alcalde de Lugo, José López Orozco, e o delegado Provincial de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia, Juan José Molina Vázquez, o Presidente Provincial, aproveitou a ocasión para louvar os éxitos acadados da escadra transportista que hai 2 anos se proclamaba campión da Recopa de Europa, acontecemento que, xunto coa celebración da Copa de España este ano en Lugo, conseguiu reunir numerosos siareiros do fútbol sala na nosa cidade. Neste senso, engadiu que “precisamente con eventos destas características, estamos conseguindo entre todos que a cidade e a provincia se convirtan nun referente no conxunto do Estado”. O Presidente Provincial comparou a posta de longo do equipo lugués coa nova etapa da Deputación “hai escasas semanas tamén presentamos a nosa propia plantilla coa que agardamos poder acadar grandes éxitos para que esta provincia tamén gañe a súa partida e ocupe o posto que merece nesta táboa, formada polo conxunto do Estado”. O rexedor provincial anunciou, ademais, que no futuro se estreitarán as relacións entre as dúas entidades, conseguindo facer do Azkar Lugo un exemplo para o deporte de base, así como, para os pequenos e pequenas que están iniciándose no fútbol sala. Gómez Besteiro, rematou a súa intervención desexándolle moita sorte ó equipo na liga que comeza o venres, día 14, enfrontándose ó DKV Seguros Zaragoza.