Deputación de Lugo

Os proxectos comúns entre a Deputación e o Ministerio
de Administracións Públicas abarcarán maior número
de poboación

O MAP inviste preto de catro millóns de euros en 67 Concellos da provincia

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, reuniuse este martes coa Ministra de Administracións Públicas, Elena Salgado, para abordar proxectos comúns que abarcarán maior número de poboación e tentarán captar os novos fondos europeos. Gómez Besteiro trasladoulle á Ministra a necesidade que ten a provincia de Lugo de que o Ministerio apoie á institución luguesa, xa que, “imos cara un horizonte no que os proxectos europeos e o Plan Local van ser distintos ó que foron durante os anos 2000-2006. Chegarán a máis poboación”. O máximo mandatario provincial indicou que a institución que preside necesita o apoio do MAP para afrontar “proxectos de maior calado para a provincia para os que é preciso que esa colaboración sexa leal e no existan diferenzas entre as distintas Administracións”. Neste senso, Gómez Besteiro, referiuse ó traballo do novo equipo de goberno baseado na relación cos Concellos da provincia, na cooperación cos mesmos, na coordinación coa Xunta e o Estado, así como na colaboración con todas as institucións, xa que, “só a través do traballo en clave de unión”, dixo, “conseguiremos mellorar a vida dos Concellos”. Deste xeito, o Presidente provincial comprometeuse a orientar o súa labor política durante os próximos catro anos neste senso, dado que a provincia conta cunha poboación envellecida e dispersa. A Ministra de Administracións Públicas, Elena Salgado, valorou positivamente a entrevista mantida co Presidente Provincial. A responsable do MAP indicou que se trata do primeiro encontro que mantén este Ministerio co organismo provincial. Salgado sinalou que, a través desta entrevista, puido comprobar que “a partir das eleccións de maio, na Deputación de Lugo se abriu unha nova etapa baseada nunha colaboración excelente”. Elena Salgado felicitou ó Presidente da Deputación polo plantexamento da Deputación: “é un plantexamento integral que amosa unha nova visión de futuro para esta provincia, o que leva ó deseño dun Plan de actuación para os próximos catro anos nos que a Deputación contará coa colaboración do Ministerio”. A titular da Administración Central asegurou que o Presidente provincial “está a facer unha aposta polo desenvolvemento sostible e medioambiental co que se porá en valor os recursos naturais que, xunto coa Lei de Desenvolvento Sostible de Medio Rural, permitirán mellorar as condicións de vida dos cidadáns”. Orzamentos destinados a Lugo Elena Salgado tamén se referiu ás inversións da cooperación económica local do Estado destinadas a Galicia no periodo 2004-2007. Na provincia de Lugo esta inversión cífrase en 35 millóns de euros, dos que 17.067.987 foron aportados polo MAP, 4.593.381 corresponden ó Fondo Social Europeo, e 13.080.168, a fondos FEDER. En total realizáronse 568 obras para a mellora de infraestructuras e dos servizos municipais. 67 municipios se beneficiaron por estas subvencións no 2007, entre eles: Abadín, Baleira, Barreiros, Carballedo Castro de Rei, Cospeito, Chantada, A Fonsagrada, Friol, Xermade, Lugo, Ourol, Palas de Rei, Pobra do Brollón, Portomarín, Sarria, O Saviñao, Taboada ou Viveiro. En total, 84 proxectos que recibiron do MAP 2.638.364 euros; unha cantidade á que hai que engadirlle os proxectos suvbencionados a obras da Deputación Provincial, en total 11, con un importe de 950.518, o que cifra a inversión total na provincia de Lugo no ano 2007 en 3.588.882 euros para 95 proxectos. Deste xeito, a provincia de Lugo despois da Coruña é a que máis axudas recibiu do MAP no periodo 2004-2007 seguida de Pontevedra e Ourense. Asimesmo, o MAP destinou ó municipio de Lugo 485.739 euros para a creación dun plan de modernización administrativa, traballos de pavimentación e para a construcción dun edificio de promoción de participación cidadá e intercambio cultural, o único edificio social civil de Galicia. O Ministerio de Administracións Públicas tamén destinou distintas partidas orzamentarias para a mellora dos accesos ós Concellos. É o caso de Guitiriz, con 52.483 euros, Friol, con 51.412 euros para alumeado público e pavimentación de beirarrúas, Fonsagrada, con 50,341 euros para mellora e acondicionamento de camiños, Palas de Rei, con 50.000 euros para acondicionamento e mellora dos accesos, e Foz, con 12.000 euros para a aprobación dun plan de modernización administrativa que inclúe a implantación dun sistema de consultoría sobre procedementos de xestión e implantación dun sistema xestor de expedentes. Ademais, o Ministerio de Administracións Públicas destinou 950.518 euros para os plans provinciais da Deputación. Rede 060 Previamente, Elena Salgado, acompañada do Alcalde de Lugo, José López Orozco, visitou a oficina municipal da rede 060 posta en marcha recentemente na cidade. A titular do MAP sinalou que esta área “responde a un novo modelo de servizo público, no que os cidadáns poderán realizar xestións ou recibir información de calquera das tres administracións involucradas no proxecto”. Recepción Oficial A Ministra de Administracións Públicas, Elena Salgado, acompañada do delegado do Goberno de Galicia, Manuel Ameijeiras e do Subdelegado do Goberno en Lugo, Jesús Otero, foi recibida polo Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, quen lle fixo entrega dunha bufanda de seda elaborada polo Centro de Artesanía e Deseño de Lugo dependente do organismo provincial, e unha reproducción dunha Arracada de Bretoña, unha peza de ouro, de orixe castrexa, dos séculos IV a II a. de C., elaborada tamén polos artesáns do CENTRAD. A arracada, ademais de servir de adorno, tiña un valor simbólico: favorecía as relacións sociais e selaba pactos.