Deputación de Lugo

A Deputación e os Concellos de Lugo, Monforte, Viveiro e Foz poñen as bases para crear unha rede da universidade a distancia nas distintas comarcas de Lugo

Crearíase un centro da UNED en Lugo, do que pasarían a depender as aulas existentes en Monforte, Viveiro e Foz, que hoxe dependen dos centros de Ourense e A Coruña

O vicepresidente da Deputación comprometeu o apoio da institución provincial no financimento do centro de Lugo, así como dos xa existentes na Mariña e en Monforte LUGO, 23 DE NOVEMBRO. O vicepresidente da Deputación, Antón Bao, presidiu hoxe na Deputación de Lugo unha xuntanza na que Concellos, Xunta de Galicia, e Universidade sentaron as bases para a creación dun centro da UNEDen Lugo no que se integraría a actual rede de aulas da Universidade a Distancia existentes na Mariña e en Monforte. Na reunión participaron ademais do propio vicepresidente da Deputación; o responsable da área de Educación, o tamén nacionalista Antonio Veiga; o vicerrector da UNED, José Luis Prieto Arroyo, así como os directores dos centros de A Coruña e Ourense; responsables da Consellería de Educación; o vicerrector do campus de Lugo da Universidade de Santiago; e os alcaldes dos Concellos de Lugo, Monforte, Viveiro e Foz. Antón Bao defendeu ademais que esta rede de centros asociados nas distintas comarcas ten que permitir ofertar un servizo de educación a distancia a todos o cidadáns de Lugo, que hoxe se teñen que desprazar a outros lugares como á Coruña ou Ourense para recibir este tipo de formación. Para iso, defendeu a ubicación desta sede central da UNED de Lugo, “pola súa ubicación xeográfica por ser a entidade de poboación con maior número de habitantes” e propuxo que aulas existentes en Monforte, Viveiro e Foz, dependentes na acutalidade dos centros de Ourense e A Coruña, respectivamente, pasen a depender da sede de Lugo, co que aumentarían en “servizos e proximidade”. MÁIS DE 1.000 ALUMNOS O vicerrector da Universidade a Distancia, José Luis Prieto Arroyo, estimou que uns 1.200 alumnos dos distintos concellos de Lugo poderían cursar estudos nesta nova rede de centros tendo en conta que xa na actualidade uns 1.000 estudantes lucenses están matriculados na UNED da Coruña e outros 200 cursan estudos nas aulas de Viveiro, Foz e Monforte. Coa creación da sede de Lugo a demanda veríase incluso incrementada porque os desprazamentos diminuirían. Prieto Arroyo explicou ademais aos asistentes á reunión as diferentes fórmulas posibles para a posta en marcha do centro da UNED de Lugo. Levaríase a cabo a través dun Consorcio no que estarían en primeira instancia a Deputación e o Concello de Lugo. O resto das institucións, tanto públicas como privadas, poderían participar directamente no Consorcio ou ben a través dun Padroado. UN ORZAMENTO ANUAL DE 800.000 EUROS O vicepresidente da Deputación, Antón Bao, estimou que o custo anual de mantemento do novo centro que se cree en Lugo rondaría os 800.000 euros, que terían que ser aportados polas distintas Administracións e organismos participantes. Aínda que na reunión de hoxe non se estableceu a aportación de cada unha das partes, Bao xa mostrou en nome da Deputación o seu apoio ao proxecto. Tamén a Consellería de Educación dixo estar disposta a colaborar económicamente, xa nos seus Orzamentos do 2008, para a posta en marcha da sede de Lugo. A propia UNED reservou tamén unha partida nos seus Orzamentos de 2008 para o soporte tecnolóxico necesario do centro de Lugo. Ao Concello correspondería facilitar unha ubicación, algo que, sen embargo, se tratou na xuntanza de hoxe. No encontro estableceuse un calendario de traballo en dúas fases: nunha primeira pecharíase a constitución do Consorcio e fixaríase a participación de cada Administración e nunha segunda abordaríanse cuestións como titulacións, persoal e ubicación. Acordouse tamén avaliar a posibilidade de ter unha reunión nos vindeiros días cos axentes económicos (caixas de aforro, CEL, Cámara de Comercio) para solicitar a súa colaboración económica no proxecto. OFERTA EDUCATIVA Aínda que non se abordou que titulacións serán impartidas no centro de Lugo, o vicepresidente provincial fixo fincapé en que a UNED non debe “competir” co campus, senón “complementar a súa oferta formativa con novas carreiras”. Neste sentido, o vicerrector do campus de Lugo da Universidade de Santiago, Carlos Herrero, propuxo na reunión desta mañá na Deputación que a UNED complemente ao campus con cursos de Postgrado e con Formación Continua para poder así continuar na Universidade a Distancia os estudos en titulacións que se imparten neste momento no campus de Lugo.