Deputación de Lugo

Un total de 180 entidades deportivas recibirán da
deputación axudas por un importe de 510.000 euros neste ano

O vicepresidente da Deputación explicou que o novo Goberno fixo un importante esforzo para aplicar criterios obxectivos á hora da concesión a pesares da imprecisión e ambigüidade das bases da convocatoria herdadas do anterior Goberno

Ábrese un novo ciclo no que primará a transparencia á hora da concesión de axudas,o deporte base, o deporte feminino e o deporte tradicional LUGO, 23 DE NOVEMBRO. Na habitual Xunta de Goberno Provincial dos venres celebrada na Deputación, presidida hoxe polo vicepresidente Antón Bao, foi aprobada a concesión das axudas ás entidades deportivas que fixeron a correspondente solicitude no ano 2007. Dun total de 198 entidades solicitantes foron concedidas axudas a 180. Estas 180 entidades recibirán un total de 510.000 euros. Estas axudas foron convocadas polo anterior Goberno da Deputación cunhas bases que, segundo Antón Bao, “foron moi criticadas por nós mesmos dende a oposición pola súa arbitrariedade”. Por iso, e a pesares da imprecisión e ambigüidade coa que estaban redactadas as bases da convocatoria, dende a área de Deportes do novo Goberno, que dirixe Antonio Veiga, fíxose un importante esforzo para “obxectivar” e conceder as axudas dun xeito “ecuánime”. Segundo o vicepresidente, “a partir das bases da convocatoria aplicouse un baremo obxectivo e racionalizaronse os criterios”. Ábrese agora un novo ciclo e péchase un período no que as axudas da Deputación carecían de bases obxectivas, transparencia e información aos solicitantes. Para exemplificar o novo xeito de facer da área de Deportes é importante sinalar que as 18 solicitudes denegadas contaron cun informe técnico no que se determina, dun xeito obxectivo, a causa da non aprobación. DESAPARECE O CRITERIO DE “ORZAMENTO ESGOTADO” Segundo declarou o Antón Bao, “por primeira vez todas as entidades que fixeron a solicitude e cumpren cos requisitos, en tempo e forma, recibirán axuda”. Preténdese deste xeito acabar coa discrecionalidade e a arbitrariedade coa que eran repartidas ata o de agora as axudas aos clubes deportivos da provincia. En pasadas convocatorias era habitual que algunhas das axudas fosen rexeitadas coa única xustificación de “orzamento esgotado”. Non existía, tampouco, información transparente sobre cales eran os criterios para adxudicar as axudas ata o esgotamento do orzamento, explicou o vicepresidente.