Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo crea un Rexistro de Licitadores que axilizará as contratacións e garantirá unha maior transparencia

O Pleno fai un receso e acorda por unanimidade solicitar a apertura do porto de San Cibrao ó tráfico comercial

O Pleno da Deputación de Lugo aprobou este martes a creación dun Rexistro de Licitadores no que as empresas poderán inscribirse voluntariamente, e que ten por obxectivo simplificar o proceso administrativo e facelo máis transparente. As empresas que se acollan a esta iniciativa non se verán obrigadas a repetir a xustificación documental en cada contrato licitado polo mesmo órgano de contratación ou Administración Pública. Isto supoñerá un beneficio tanto para o empresario, que reduce custes e tempo no proceso de licitación, como para a Mesa de Contratación da Deputación, que axiliza considerablemente a fase de comprobación documental dos licitadores e a adxudicación do contrato correspondente. De todos os xeitos, este rexistro non limita nin impide ás empresas que non estean inscritas o seu acceso ós distintos procedementos de contratación, xa que a inclusión no mesmo é voluntaria, gratuíta e non vulnera os principios de concurrencia, igualdade e non discriminación. Este rexistro tamén se poñerá a disposición dos Concellos da provincia, que se poderán adherir ó mesmo previa formalización do correspondente convenio. Reforma do Servizo de Recadación O Pleno da Deputación tamén aprobou a reforma das bases que rexerán o Servizo de Recadación Provincial, unha iniciativa moi ben acollida polos Alcaldes e Alcaldesas da provincia, tal e como lle están a manifestar ó Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, nas visitas que está a facer ós Concellos. Un dos aspectos que máis valoran os rexedores é o sistema de entregas mensuais a conta, sen cueste para as arcas municipais, que se calculará sobre o 80% da previsión de ingreso en periodo voluntario. Esta novidade permitirá ós Concellos programar os gastos correntes e asegurar a disponibilidade de tesourería suficiente. Outro dos cambios moi valorado polos mandatarios municipais é a reducción da compensación económica que deben aboar os Concellos pola prestación do servizo. Esta compensación pasará a ser do 4% do recadado no periodo voluntario e do 75% no periodo executivo. A Deputación deixará de ingresar, por este concepto, 440.000 euros, cantidade que quedará nos Concellos e que, na práctica, supoñerá un novo ingreso para os municipios. Con esta reforma acometerase a xestión integral dos impostos municipais. A Deputación poderá asumir novas competencias en virtude de convenios de delegación e colaboración con outras administracións públicas (Catastro, Axencia Estatal de Administración Tributaria, Dirección Xeral de Tráfico, etc.). Ademais, poderá completar todas as fases de xestión dos impostos xa delegados. Plan Complementario Por outra banda, o Pleno ratificou a resolución de Presidencia pola que se anulan tres obras do Plan de Obras e Servizos de 2007 que non se contrataron dentro do prazo previsto. Cos remanentes xerados con esta anulación, e cos obtidos na contratación das obras do Plan principal, financiaranse 10 proxectos incluídos no Plan Complementario. O orzamento total destas novas obras é de 509.497 euros, dos que a Deputación achega 171.882, e o resto é aportado polo Ministerio de Administracións Públicas e os Concellos. As obras incluídas no Plan Complementario correponden ós municipios de Burela, Castro de Rei, Chantada, A Fonsagrada, Pedrafita do Cebreiro, Ribadeo, Xermade, Friol, Guitiriz e Rábade. Receso para un acordo O Pleno fixo un receso, o primeiro da historia da institución, que permitiu acadar a unanimidade nun dos puntos da orde do día. O Presidente da Deputación e os tres voceiros dos grupos provinciais mantiveron un encontro a porta pechada no despacho de Presidencia para deliberar sobre unha moción do PP relativa ó porto de Alcoa en San Cibrao. Tras esta reunión, os deputados aprobaron por unanimidade esta proposta na que se insta ó Ministerio de Fomento a que inicie as negociacións para abrir ó tráfico comercial o dique norte do porto de Alcoa.