Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación recibiu ó Director Xeral para o Desenvolvemento da Sociedade da Información do Ministerio de Industria

Gómez Besteiro explicoulle as principais liñas de acción do Proxecto europeo Innova-TE

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, recibiu este venres no seu despacho ó Director Xeral para o Desenvolvemento da Sociedade da Información do Ministerio de Industria, David Cierzo. Durante a reunión, o titular do organismo provincial trasladoulle a Cierzo a importancia que teñen as novas tecnoloxías, xunto co medio ambiente, para a institución que preside. Neste senso, o máximo mandatario provincial, explicoulle que a Deputación solicitou catro proxectos europeos, entre os que se atopa Innova-TE, “unha iniciativa que pretende reforzar a cohesión territorial da provincia fomentando a aplicación das novas tecnoloxías no ámbito administrativo e empresarial”. O titular da Deputación destacou que este proxecto, promovido polo INLUDES, contribúe a “facilitar o acceso á información na zona rural reducindo as dificultades que algúns colectivos teñen para acceder a ela”. Gómez Besteiro lembrou que se trata dun proxecto que será financiado no 70% con fondos FEDER. Incidiu en que o campo de actuación desta iniciativa serán os 66 Concellos da provincia e destacou como principal liña de acción a creación da Administración electrónica (e-Administración) na propia Deputación, INLUDES e Concellos. O responsable provincial explicou que este servizo permitirá que os cidadáns estén perfectamente conectados coa Administración, xa que poderán consultar e realizar os procesos administrativos desde a súa casa”. Finalmente, o Presidente da Deputación indicou que Innova-TE é un proxecto pioneiro e ambicioso que contribuirá, ademais, á promoción do emprego na provincia.