Deputación de Lugo

A Deputación investirá preto de 5 millóns de euros en en Chantada no periodo 2008-2010

O organismo provincial dá os primeiros pasos para saldar definitivamente a débeda histórica do canon hidroeléctrico

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou este luns xunto co Alcalde de Chantada, Manuel Taboada, que este Concello recibirá preto de 5 millón de euros en investimentos ó longo dos anos 2008, 2009 e 2010 para saldar a débeda histórica do canon hidroeléctrico. O máximo mandatario provincial fixo fincapé en que “queremos saldar débedas históricas pero pensado no futuro”. Gómez Besteiro subraiou que “estamos aquí para facer cumprir unha senteza pero chegando a acordos” e por iso adiantou que no vindeiro pleno provincial do 26 de febreiro a Deputación aprobará as bases do convenio para o pago deste canon. Na visita institucional ó Concello chantadino, o Presidente provincial agradeceu o labor de todos os políticos e Corporacións de Chantada que loitaron ó longo dos anos para poñer fin a este conflito. A Deputación ten unha débeda con Chantada de 4.930.119 euros polo canon. Tal e como explicou hoxe José Ramón Gómez Besteiro, a Deputación, xa antes de consignar os seus presupostos para este ano, fixa unha partida que se investirá a partes iguais entre os anos 2008-2010. Polo tanto, nos orzamenos provinciais deste exercicio xa estarán reservados aproximadamente 1.638.000 euros para as primeiras obras froito do canon de Chantada. O Presidente provincial destacou que estas cantidades son “para investimentos reais tal e como indica a senteza existente. O seguinte paso que vai dar a Deputación será aprobar un plan de obras que de seguro saberá responder ás necesidades de Chantada. Desde a Deputación podíamos facelo sen acordo, pero cremos que así se fan mellor as cousas e que a coordinación co Concello vai facer a vida da xente máis doada”. No pleno provincial da vindeira semana Gómez Besteiro espera que todos os grupos políticos apoien as bases deste convenio que salda unha das maiores débedas históricas que tiña contraídas a Deputación de Lugo. Tanto o Presidente da Deputación como o Alcalde de Chantada tiveron palabras de agracedemento para ós partidos políticos que desde o ano 1985 tiveron que facer fronte a este problema e que tentaron buscar un acordo que nunca chegou ata hoxe. Unha vez que a Deputación aprobe as bases do convenio en Pleno, o Concello de Chantada fará o mesmo en sesión plenaria. O Alcalde de Chantada afirmou que “hoxe é para min un día de ledicia moi grande porque ó fin imos solucionar o problema do canon, pero tamén o é de tristeza porque este problema tiña que estar resolto en 1985. Chantada arrastra unha débeda histórica que por fin imos superar “. Gómez Besteiro subraiou que no pago do canon non irán incluídas outras partidas que tamén percibirá o Concello de Chantada e que supoñen un enorme esforzo inversor para Deputación de Lugo. Explicou que este municipio será beneficiado pola nova rede de parques de bombeiros que está poñendo en marcha a Deputación coa Xunta de Galicia e tamén verá respaldada a súa reivindicación de ampliar o polígono industrial dos Acivros. “O Alcalde pode traballar tranquilo en solucionar os problemas urbanísticos dese polígono, que sei que van ben encamiñados, porque para a súa ampliación contará co respaldo económico da Deputación”. O Presidente da Deputación non quixo esquecerse no seu discurso dos outros Concellos da provincia afectados polo canon hidroeléctrico: “que saiban os outros Concellos que tamén están na nosa axenda política dos próximos anos”. O problema de Chantada era prioritario, pola enorme contía, pola existencia de sentenzas e polo tempo transcurrido. A historia do canon O Concello de Chantada presentou en setembro de 1992 un recurso contencioso-administrativo sobre a distribución do canon de enerxía eléctrica dos exercicios 1981 a 1985. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia estimou este recurso e condeou á Deputación a distribuir entre os municipios afectados a catidade de 1.354.936.600 pesetas. Tras numerosos obstáculos e a negativa do equipo de goberno do Partido Popular a cumprir a sentenza, a nova Deputación e o Concello presidido polo mesmo Alcalde que presentou o recurso chegan a un acordo e poñen fin ó histórico conflito mediante un acordo extraxudicial. Por unha banda a Deputación recoñece a débeda por:  3.049.438 euros + 3.303.739 euros de intereses.  SUMA TOTAL: 6.353.178 euros Por outra, o Concello recoñece unha débeda total polo IAE:  1.423.059 euros. Unha vez realizada a compensación, a débeda da Deputación é:  4.930.119 euros Visita insitucional A Corporación de Chantada recibiu ás once e media desta mañá ó Presidente da Deputación na Casa da Cultura. Depois da entrega de agasallos institucionais, momento no que o Gómez Besteiro fixo entrega ó Alcalde dunha cerámica e dunha bufanda de seda elaboradas polo Centro de Artesanía e Deseño, a comitiva saiu cara ó encoro de Belesar. Logo da súa visita á presa, mandatario provincial comprobou in situ o estado das instalacións do Clube Náutico da Deputación. Xa pola tarde, a visita concluirá cun percorrido polo polígono indutrial de Chantada, donde Gómez Besteiro se vai reunir con empresarios.