Deputación de Lugo

A Deputación é a primeira institución civil que visita oficialmente o novo bispo de Lugo

Gómez Besteiro brindou a Alfonso Carrasco Rouco a colaboración leal e contrutiva da institución provincial

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, recibiu este luns ó novo bispo de Lugo, Afonso Carrasco Rouco. Esta foi a primeira visita oficial a unha institución civil do novo responsable da Diócese de Lugo trala súa ordenación, o pasado 9 de febreiro. Gómez Besteiro fixo un balance moi positivo do encontro e amosou ó bispo “a colaboración leal e construtiva da Deputación, que sempre estará aí no que poida axudar, ó igual que sucede no caso dos Concellos”. O titular provincial afirmou que “este é un gran día para min tanto a nivel persoal como institucional”. Para Gómez Besteiro “é importante que existan pontes sólidas que teñen como obxectivo mellorar as condicións de vida dos habitantes desta provincia”. O Presidente da Deputación apuntou que “será un camiño con dificultades; no día a día é inevitable que haxa diferenzas pero poderán solventarse con diálogo”. O novo bispo agradeceu a invitación que permitiu “o intercambio de ideas. Se as persoas non nos coñecemos e non sabemos como pensamos é dificil traballar xuntas”. Alfonso Carrasco Rouco tamén amosou a súa “colaboración máis leal coa Deputación, aínda que cada un dentro das súas responsabilidades”. O responsable eclesástico, que lembrou que “gran parte da xente da que se ocupa a institución provincial é cristiá”, dixo que a diócese de Lugo necesita da Deputación para participar na vida da sociedade civil” e loubou o traballo que se realiza desde a política, “unha das tarefas máis dignas que existen”, asegurou Alfonso Carrasco Rouco. Recepción oficial O bispo foi recibio polo Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e polo Vicepresidente Primeiro, Antón Bao, que o acompañaron nun percorrido pola parte nobre do edificio que cualificou como “luminoso e acolledor”. A continuación, Carrasco Rouco saudou ós voceiros dos tres grupos provinciais na Sala de Xuntas e asinou no Libro de Ouro da institución. Gómez Besteiro entregou ó novo bispo de Lugo a reproducción do Organistrum que aparece no Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago, elaborado polo Centro de Artesanía e Deseño dependente da Deputación, un agasallo, en palabras o bispo “moi singular”.