Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación recibe ó xornalista lucense Francisco Rivera

Gómez Beteiro destaca a traxectoria profesional de Rivera que mañá recibirá unha homenaxe no Círculo das Artes

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, recibiu este venres no Pazo de San Marcos ó xornalista Francisco Rivera, que mañá recibirá unha homenaxe no Círculo das Artes en recoñecemento ó traballo realizado en prol da sociedade lucense nos últimos 50 anos. Gómez Besteiro destacou a traxectoria profesional de Rivera, que comezou a colaborar cos medios de comunicación da cidade con tan só 13 anos. Paco Rivera acudíu á recepción acompañado pola empresaria Nora Real e a presidenta de ASPNAIS, Conchita Teijeiro, promotoras da iniciativa. Esta homenaxe está aberta a todas as persoas interesadas en amosar o seu cariño e apoio ó xornalista que neste tempo colaborou en numerosas actividades de xeito totalmente desinteresado. A carreira de Paco Rivera comezou en 1954 cun programa de deporte escolar en Radio Lugo e desde 1967 traballou na Cadena COPE. A súa actividade xornalística estivo especialmente ligada á radio, pero tamén realizou traballos para a prensa e a televisión Ademais, hai 20 anos creou os premios Lucenses do Ano e leva 24 organizando o maratón popular. Foi xerente do Padroado de Cultura do Concello de Lugo durante 10 anos e na actualidade forma parte da dirección de distintas asociacións culturais.