Deputación de Lugo

O INLUDES promociona a Reserva “Terras do Miño”
en Fazouro

Imaxe deputación de lugo
A mostra explicarase no marco das xornadas de turismo que se celebran na parroquia mariñana

O INLUDES, organismo autónomo dependente da Deputación de Lugo, promociona a Reserva da Biosfera Terras do Miño en Fazouro, no marco das xornadas “Turismo na natureza”, que se desenvolven na parroquia mariñana desde hoxe ata o domingo, 20 de abril. Nas xornadas, ademais de explicarse as principais características da mostra “A Reserva da Biosfera Terras do Miño. LIC Parga-Ladra-Támoga. O Programa LIFE-Natureza”, realizarase unha visita guiada con proxección do DVD: LIC Parga-Ladra-Támoga. Terras de Pedra e Auga”. Paralelamente, a exposición permanece exposta na Sala de Exposicións do Concello de Viveiro. Amosa a bioxeografía de Terras do Miño, a primeira Reserva da Biosfera declarada en Galicia no ano 2002. Na cidade viveirense permanecerá ata o 5 de maio. Natureza, etnografía e cultura acompañan a exposición, donde estudantes, asosiacións e o público en xeral, participan de visitas guiadas e dunha proxección do DVD que amosa as zonas máis características e emblemáticas da Reserva. Toda unha serie de material divulgativo, folletos e marcadores de páxinas constitúen o material de apoio da exposición, que é entregado de balde a todos os visitantes, e que amosa o labor realizado polo INLUDES en materia de educación ambiental, conservación e xestión do medio natural. A mostra inaugurouse no ano 2005 e desde entón estivo exposta ó público no Museo Provincial de Lugo, no Centro de Interpretación da Lagoa de Cospeito, no Centro de Interpretación Terras do Miño, no Auditorio de Mondoñedo, no IES Fontem Alobaei da Fonsagrada, na Casa da Cultura de Vegado (Asturias), na Escola Abanera de Guitiriz, na Biblioteca Municipal de Ribas de Sil, no edificio Multiusos de Monforte, na Casa da Cultura de Lourenzá e no Centro de Interpretación e Turismo de Ribadeo, expoñéndose paralalelamente ó logo de distintos seminarios e cursos impartidos tanto a nivel provincial, como nacional (País Vasco) e internacional (México e Francia). Unha vez rematada a estancia no municipio de Ribadeo, a exposición continuará o seu percorrido itinerante polos distintos Concellos da provincia co obxectivo de achegar ós escolares e á poboación en xeral conceptos como os de “Reserva da Biosfera” ou “Rede Natura 2000”.