Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación inagura a XVII Feira do Queixo Arzúa Ulloa en Monterroso

Gómez Besteiro destacou o labor dos empresarios en prol do desenvolvemento económico da comarca da Ulloa

O Pesidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, inaugurou este sábado a XVII edición da Feira do Queixo Arzúa Ulloa e a mostra multisectorial da comarca da Ulloa que se celebra ata mañá no Concello de Monterroso. O máximo responsable provincial destacou que feiras coma esta, con 17 anos de traxectoria “son un claro exemplo de que a confianza e a suma de esforzos por parte das administracións, dos empresarios e, neste caso, das queixerías, son fundamentais para promocionar un produto artesanal e de calidade”. Para Gómez Besteiro “é importante que comarcas como a da Ulloa, eminentemente agrícola e gandeira, e cunha gran tradición leiteira, saiba sacarlle o mellor rendemento ós seus recursos”. O titular provincial lembrou que o queixo Arzúa Ulloa é o resultado da fórmula transmitida, sen prácticamente ningún cambio, de nais a fillas durante xeracións. “Esta feira é unha homenaxe a todas as mulleres que traballaron e traballan no campo e que, coa elaboración destes queixos, axudaron a sacar adiante as súas familias”. Por outra banda, Gómez Besteiro felicitou a todos os empesarios e empresarias que participan na mostra multsectorial “polo traballo que están a desenvolver en prol de Monterroso e da comarca da Ulloa”. Gomez Beteiro dixo que “desde as administracións debemos axudar para acadar o progreso da nosa provincia, pero sen a iniciativa dos pequenos empresarios, esa tarefa sería imposible. O voso labor é fundamental para que a xente nova teña e oportunidade de vivir e traballar aquí, sen ter que marchar por obrigación”. “Desde a Deputación queremos contribuír a fixar poboación na zona rural axudando ós Concellos a que presten uns bos servizos ós seus veciños. Temos que contribuír a que todos os habitantes, independentemente de onde vivan, sexan cidadáns de primeira”, apuntou o Presidente provincial. A feira en cifras Ó remate do acto inaugural, o Presidente da Deputación percorreu o recinto feiral acompañado polo Alcalde de Monterroso, Antonio Gato, e polo Subdelegado do Goberno, Jesús Otero, entre outras autoridades. Gómez Besteiro saudou ós empresarios que participan na mostra multisectorial na que hai 53 expositores, 46 deles de Monterroso e o resto dos Concellos de Antas de Ulla, Palas de Rei e Taboada. Por outra banda, o Centro de Artesanía e Deseño da Deputación colabora coa asistencia de 27 artesáns, que expoñen pezas de coiro, madeira ou esmalte. O día grande da feira será mañá domingo coa participación de 10 queixerías con denominación de orixe (sete de Arzúa Ulloa, e as outras tres de San Simón, Tetilla e O Cebreiro) e os Consellos reguladores do Queixo de Arzúa Ulloa e do Queixo de Tetilla. Ademais acudirán queixeras de toda a comarca a vender os queixos que elaboran artesanalmente nas súas casas.