Deputación de Lugo

O BOP anuncia a contratación da redacción do proxecto da Escola de Enxeñería Civil

Imaxe deputación de lugo
Os interesados teñen dous meses de prazo para presentar as súas ofertas. A Deputación e a USC investirán 4 millóns de euros na construción deste edificio que se ubicará no campus de Lugo

O Boletín Oficial da Provincia anuncia este mércores, 4 de marzo, a licitación da redacción do proxecto para a construción dun edificio no campus de Lugo destinado ás titulacións no ámbito da enxeñería civil. O prezo de licitación é de 159.939 euros, o que representa o 4% do total do proxecto: 4 millóns de euros, que serán financiados ó 50% pola Deputación e a Universidade de Santiago de Compostela. Segundo se publica no BOP, emprégase o procedemento aberto e a selección da oferta económica máis ventaxosa. Na valoración terase en conta a calidade construtiva e arquitectónica da edificación, a urbanización da parcela, a incorporación de novas tecnoloxías que faciliten a execución do edificio e mellore a súa calidade técnica e o prezo de entrega do proxecto básico e de execución. A data límite para a presentación de solicitudes é de dous meses a partir da data de publicación deste anuncio no Boletín. O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Reitor da USC, Senén Barro, asinaron o pasado 13 de febreiro o protocolo para a redacción do proxecto, cuia contratación foi aprobada ese mesmo día na Xunta de Goberno polo trámite de urxencia. O titular provincial destacou nese momento que “temos os terreos, contamos coa memoria das necesidades e coa consignación orzamentaria. O obxectivo é axilizar ó máximo os prazos de construción”. O edificio será construído en terreos cedidos pola intitución provincial entre as avenidas de Madrid e Pablo Iglesias. A nova Escola terá 4.500 metros cadrados de superficie construída e 4.000 de superficie útil. Boa parte dese espazo estará adicado ás prácticas coa creación de diversos laboratorios, entre os que destaca o tanque de oleaxe.