Deputación de Lugo

Antón Bao presentou hoxe a segunda edición do Rallye Comarcal da Ulloa

Imaxe deputación de lugo
A Área de Deportes da Deputación apoiará a posta en marcha de actividades de carácter deportivo entre as distintas comarcas lucenses e fomentará a implicación dos concellos nas mesmas

Na competición inscribíronse 115 pilotos de toda Galiza entre os que destacan Sergio Vallejo, Xavier Pons ou Luis Vilariño O Vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antón Bao, participou esta maña na presentación da 2ª edición do Rallye Comarca da Ulloa, na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos. No acto estiveron presentes o subdelegado do Goberno en Lugo, Jesús Otero, o presidente da Escudería A Ulloa –equipo de carreiras organizador do evento-, Luis Vilariño, os alcaldes de Monterroso e Palas de Rei, Antonio Gato Soengas e Fernando Pensado Barbeira, o presidente da Federación Galega de Automobilismo, Iván Corral, o tenente coronel da Garda Civil, José Herrera-Lora, e por último, o piloto de rallyes, Sergio Vallejo. No transcurso da comparecencia, Antón Bao recalcou o compromiso adquirido con anterioridade pola da Vicepresidencia Primeira da Deputación para apoiar este tipo de competicións deportivas. Nesta liña, Bao lembrou que “dende a Área de Deportes imos seguir apoiando todas aquelas actividades e competicións que se organicen comarcalizadamente, optimizando os recursos existentes e facendo coparticipes aos concellos implicados na organización”. Ademais, tal e como comentou o vicepresidente da Deputación a o desenvolvemento desta competición facilita enormemente a “posta en valor dunha comarca de enorme interese social, cultural e económico”. Pola súa banda, o presidente da Escudería A Ulloa, Luis Villariño, destacou o alto número de participantes inscritos na competición e lembrou que o rallye será retransmitido en directo a través dunha emisora de radio local. Xa por último, o subdelegado do Goberno en Lugo, Jesús Otero, pediulle ao público asistente que “respecten as normas establecidas pola organización e pola Garda Civil”. Ademais, recordou que para “preservar a seguridade dos veciños e veciñas destinaranse 70 efectivos da Garda Civil á zona onde se desenvolven as carreiras”. Ao mesmo tempo sinalou que se establecerán varios controis de seguridade nas estradas próximas ao lugar de celebración da carreira de coches. Catro novos tramos de máis de 10 kms cada un Na segunda edición deste campionato, que se celebrará os vindeiros días 20, 21 e 22 de febreiro, están inscritos 115 pilotos entre os que destacan nomes como o dos dous corredores de rallye da escudaría Nupel Porsche Team, Sergio Vallejo e Xabier Pons, ou o propio presidente da Escudería A Ulloa, Luis Vilariño. O venres 20 de febreiro, todos os pilotos terán que entregar a documentación solicitada pola organización ás 17.00 horas no Centro Sociocultural do Concello de Monterroso. Unha vez realizadas as verificacións administrativas e técnicas pertinentes aos vehículos, publicarase a media noite, un listado cos nomes dos corredores e dos coches autorizados para participar na segunda edición do Rallye da Ulloa. O día 21 o total de pilotos inscritos no campionato percorrerán dúas veces cada un dos catro tramos deseñados e programados para esta ocasión: o Castelo de Pambre (11,8 kms), Olveda (11,8 kms), Palas de Rei (13,5kms) e o último treito, Monterroso cun total de 12,5 kms. Os resultados desta carreira de coches colgarase no taboleiro oficial de avisos do Centro Sociocultural de Monterroso a partires da media noite. Unha hora despois da súa publicación procederase á entrega de premios no mesmo recinto. Máis dun centenar de pilotos no 2008 Ao igual ca na súa primeira edición, celebrada os días 1 e 2 de agosto de 2008, o Rallye Comarca da Ulloa contará co apoio de varios patrocinadores como son o Concello de Palas de Rei, o Concello de Monterroso, a Área de Deportes da Deputación de Lugo, o Xacobeo, e a Consellería de Cultura e Deporte, a través da Dirección Xeral para o Deporte. Ademais, os responsables da Escudería Comarca da Ulloa fixeron un importante esforzo á hora de planificar todo o relativo á seguridade nos distintos tramos do percorrido. Unha tarefa para a que contaron co apoio da Escudería Lalín-Deza. Con todo, a organización pretende repetir o “éxito” acadado na pasada edición onde se inscribiron máis de un centenar de pilotos. Nesas datas destacou pois, a presenza de todos os pilotos punteiros do Campionato Galego de Rallyes, así como asistencia de media ducia de pilotos locais, ademais da participación dos refutados Pedro Burgo e Sergio Vallejo. Sen dúbida esta foi e segue a ser unha cita ineludible por e para o automobilismo galego.