Deputación de Lugo

José Ramón Gómez Besteiro e Lara Méndez recabaron apoios dos empresarios galegos en Cataluña
para proxectos en Lugo

O Presidente da Deputación de Lugo e a Vicepresidenta Segunda reuníronse coa Asociación de Empresarios Galegos en Cataluña e, na súa gala anual, Gómez Besteiro entregou o Premio da Excelencia Galega das Artes ó deseñador masculino Florentino Cacheda

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e a Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, recabaron apoios da Asociación de Empresarios Galegos en Cataluña para proxectos que a entidade provincial vai desenvolver na provincia de Lugo. Froito dos vínculos que o Presidente está a manter con este importante colectivo –a Asociación suma 500 empresas, a maior parte procedentes de Lugo, e emprega a 20.000 persoas-, a Deputación de Lugo poderá presentar publicamente novos proxectos de caracter empresarial que contarán co respaldo da Asociación. Na xornada de onte gómez Besteiro tamén fixo entrega do Título Excelencia Galega Empresarial das Artes que mereceu o deseñador Florentino Cacheda. O Presidente e a Vicepresidenta Segunda da Deputación aproveitaron a xornada en Barcelona para acadar apoios duns empresarios que emigraron anos atrás de Galicia cara Cataluña e están a obter grandes éxitos comerciais. Trátase dun colectivo moi arraigado á súa terra natal e motivado a investir nela. Gómez Besteiro aproveitou esta ocasión para presentarlles o novo Orzamento da Deputación de Lugo e implicar ós empresarios en proxectos vinculados especialmente á innovación na provincia. As negociacións están avanzadas e varios programas son de interese para este colectivo, polo que a curto-medio prazo a Deputación estará en condicións de poder presentalos publicamente. Títulos de Excelencia Galega Empresarial Hospitalet de Llobregat, onde residen 7.000 galegos, acolleu o encontro empresarial coa Deputación, aproveitando que no mesmo día tiña lugar a Gala da Asociación de Empresarios Galegos en Cataluña, no que foron entregados os Títulos de Excelencia Galega 2008 a personalidades relevantes do mundo das Artes, Comunicación, Ciencias, Ciencias Políticas, Empresa e Finanzas, e Premio Especial. Ademais, do galardón entregado polo Presidente da Deputación, no eido da Comunicación o premio recaeu na Presidenta do Grupo El Progreso, Blanca García Montenegro, no ano no que o xornal celebra o seu centenario. O das Ciencias foi para a Doctora Carmen Gallego –investigadora de biotecnoloxía e xenética-; o das Ciencias Políticas, para Fernando González Laxe; o da Empresa e Finanzas, para Ángel Ron –Presidente do Banco Popular-; e o especial, para a Fundación Caixa Galicia. No evento participaron 400 persoas, entre as que se atopan personalidades relevantes de Lugo e Galicia, como: o anfitrión, Presidente de Filmax e da Asociación de Empresarios Galegos en Cataluña, Julio Fernández; o Director Xeral do IGAPE, Álvaro Álvarez-Blázquez; o Presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Antonio González Nieto; o Fiscal Xefe de Galicia, Carlos Varela; o propietario dos hoteis Hesperia, José Antonio Castro; o da Cadena Hotusa, Amancio López; persoeiros da vida cultural como a cantante Luz Casal, os actores Fernando Guillén e o seu fillo Guillén Cuervo, Manquiña; a Alcaldesa de Hospitalet, numerosas autoridades catalanas, etc.