Deputación de Lugo

Gómez Besteiro asiste á colocación da primeira pedra do “Y” da Fonsagrada no que a Xunta inviste 12,4
millóns de euros

A reforma de 21 quilómetros das dúas estradas que comunican A Fonsagrada con Asturias realízase de xeito coordinado co Goberno do Principado

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, asiste ó acto simbólico de colocación da primeira pedra do denominado “Y” da Fonsagrada. O Presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, acompañado da Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, María José Caride, presidiu o acto no que se expuxo que esta actuación mellorará notablemente as dúas vías que conectan a vila luguesa con Asturias e que supón un investimento total de 12,4 millóns de euros en 21 quilómetros de estradas. O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, que asistiu este martes á colocación da primeira pedra do “Y” da Fonsagrada, asegurou que “hoxe é un día histórico para este Concello e para a montaña de Lugo en xeral. O compromiso da Xunta de implicarse no reequilibrio territorial da Galicia interior é un obxectivo que o Presidente está a cumprir”. A obra consiste nunha mellora notable das estradas que comunican A Fonsagrada con Grandas de Salime (LU-701) e Santa Eulalia de Oscos (LU-703), que parten do concello da Fonsagrada, bifúrcanse en Barbeitos e cruzan o límite autonómico para comunicar co interior de Asturias. Estas estradas conforman o que no VII Cumio Galicia-Asturias de 2006 se definiu como “un corredor preferente de relación interior” que os gobernos galego e asturiano se comprometeron a mellorar actuando cada un de xeito coordinado nos treitos que discorren polas súas respectivas comunidades autónomas. Estas vías contribuirán a achegar a montaña luguesa á costa asturiana e igualmente o interior de Asturias terá un acceso en mellores condicións á Autovía do Noroeste (A-6). O máximo mandatario provincial fixo fincapé na importancia de ter unha provincia ben comunicada. “É fundamental a conexión da Fonsagrada con Santa Eulalia de Oscos porque así teremos unha mellor comunicación con Asturias e León”. Neste senso, engadiu: “temos no litoral a autovía do Transcantábrico, xa existe unha boa conexión coa Meseta a través da A-6 e agora estaremos comunicados coas terras de Burón e Asturias. Por iso teño que darlle as grazas ó Presidente da Xunta por cumprir co que se comprometeu”. Deste xeito, Gómez Besteiro sinalou que o seguinte paso do compromiso coa Galicia do interior é a vía de alta capacidade que comunicará Monforte con Ponferrada. Neste sento, subraiou que “ó final o que nos quedará é o compromiso de Fomento da conexión Chantada-Monforte-Monforte-Ponferrada e así deixaremos a provincia comunicada de norte a sur e de leste a oeste. En definitiva, isto é o que queríamos: boas comunicacións para coller todas as potencialidades da provincia”. Características das estradas que forman o “Y” A LU-701 parte da Fonsagrada cara o leste e, tras dicorrer durante 12,3 quilómetros por territorio galego, cruza o límite autonómico no Alto do Acebo e remata na localidade asturiana de Grandas de Salime. Trátase dunha estrada de montaña con treitos puntuais de curvas pechadas e elevadas pendentes e cun ancho de 6 metros. A reforma que se vai realizar suporá a ampliación da calzada ata os 8 metros (dous máis que os actuais), o que permitirá dispoñer de dous carrís de 3,5 metros e dúas beiravías de 0,5 metros. Ademais, realizaranse diversas variantes que suavizarán os treitos nos que o trazado actual é máis sinuoso, o que redundará nunha mellora da accesibilidade e da seguridade viaria. As obras nesta estrada teñen un orzamento de 9,2 millóns de euros, dos cales 1,8 millóns van destinados ó pago das expropiacións, e un prazo de execución de 15 meses. Por outra banda, Política Territorial inviste outros 3,3 millóns de euros, dos cales 0,6 millóns son para o pago das expropiacións, no acondicionamento da LU-703, que parte da anterior LU-701 á altura da localidade de Barbeitos. Desde alí a estrada discorre cara o norte por territorio galego durante 8,7 quilómetros e, tras cruzar o límite autonómico, remata na localidade asturiana de Santa Eulalia de Oscos. Esta estrada, cunha baixa intensidade de tráfico, pasa por un terreo menos abrupto que a anterior pero igualmente complicado e o seu ancho actual é, nalgúns puntos, mesmo inferior ós 6 metros. Coa mellora que vai realizar a Consellería de Política Territorial o seu ancho chegará ata os 8 metros (amplíase en dous metros con respecto á actual), con dous carrís de 3,25 metros e dúas beiravías de 0,75. Esta actuación ten un prazo de execución de 12 meses. En ámbalas dúas estradas melloraranse as interseccións co resto de camiños e vías locais, prestando unha especial atención ó tratamento do Camiño de Santiago, mantendo a súa continuidade e acondicionando os cruces co mesmo e as sendas peonís que evitan o tránsito de peregrinos polas beiravías da estrada. Estas obras da CPTOPT no “Y” da Fonsagrada, cun investimento conxunto de 12,5 millóns de euros, están incluídas no Plan de Reequilibrio Territorial da Xunta de Galicia. Ademais, os investimentos de Política Territorial veranse complementados polas actuacións que, de xeito paralelo, acomete o Goberno do Principado de Asturias nos treitos destas dúas estradas que discorren polo seu territorio e que terán características técnicas similares ós treitos galegos para manter a homoxeneidade das vías. Outras actuacións que melloran a comunicacións da montaña luguesa Xunto co “Y” Fonsagrada-Grandas de Salime-Santa Eulalia de Oscos, a Consellería de Política Territorial e o Goberno asturiano acondicionaron a LU-704 que une A Pontenova e Taramundi, de 6,8 quilómetros. Unha estrada na que se investiron 2,5 millóns de euros. Ademais, esta zona da provincia de Lugo estará mellor articulada co ensanchamento e acondicionamento da estrada entre Meira e Baralla, paralela á fronteira entre a provincia de Lugo e Asturias e na que se invisten un total de 23 millóns de euros. Nesta vía xa se está traballando nos 24 quilómetros que discorren entre Meira e Baleira e estase redactando o proxecto para os 16 quilómetros restantes entre Baleira e Baralla. A CPTOPT inviste aproximadamente outros 13 millóns de euros na mellora da estrada LU-722 Becerreá-Navia de Suarna ó longo dos 33 quilómetros; 4,5 millóns na LU-723 Pontes de Gatín-Límite coa provincia de León en 28 quilómetros e 15,1 millóns na LU-651 nos 22 quilómetros do treito Quiroga-Folgoso do Courel. Ademais destas grandes actuacións en estradas autonómicas, a Consellería de Política Territorial tamén inviste preto dun millón de euros en diversas actuacións non concellos da zona como son a urbanización e pavimentación de espazos municipais ou a construción de áreas de estacionamento para autobuses. Todas estas obras, que suman uns investimentos totais superiores ós 70 millóns de euros en máis de 150 quilómetros de estradas, non só melloran a mobilidade e a seguridade viaria senón que tamén vertebran o territorio, axudan a fixar poboación e dinamizan a súa economía co obxectivo de mellorar a calidade de vida dos cidadáns no interior de Galicia facendo estas comarcas máis atractivas.