Deputación de Lugo

A Vicepresidenta Segunda da Deputación recibiu a 30 alumnos do centro sueco “Tibble Gymnasium”

Lara Méndez descatou o carácter enriquecedor do programa de intercambio que se desenvolve desde o ano 2000

A Vicepresidenta Segunda da Deputación de Lugo, Lara Méndez, recibiu este martes a 30 alumnos da cidade sueca de Täby que participan no programa de intercambio entre o centro sueco Tibble Gymnasium e o IES Nosa Señora dos Ollos Grandes de Lugo. O acto tivo lugar no Salón de Actos do Pazo de San Marcos. Os alumnos acudiron acompañados pola directora e unha profesora do instituto escandinavo. Este programa de intercambio entre ámbolos dous centros educativos vense desenvolvendo desde o ano 2000. A Vicepresidenta Segunda explicoulles o funcionamento do organismo provincial, formado por 67 Concellos e gobernado polas dúas forzas políticas: PSOE e BNG. Neste senso, indicou que os membros da Corporación forman parte dos distintos municipios que conforman a provincia “para transmitir as necesidades que ten a súa comarca e para que todos os Concellos medren ó mesmo ritmo e que conten cos mesmos servizos”. No evento, no que tamén participou o director do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes, Lara Méndez lembrou que “temos unha provincia moi extensa e cun patrimonio natural intenso” ó tempo que salientou que este intercambio é unha oportunidade para que os alumnos descubran a nosa cultura e a nosa idiosincrasia. “Malia que todos camiñamos cara unha mesma Europa, non debemos perder a nosa identidade”, indicou a responsable da Área de Promoción Económica e Emprego da Deputación. O acto rematou coa visita ó Salón de Plenos do Pazo de San Marcos e coa entrega de agasallos institucionais. A reponsable do IES sueco fíxolle entrega á Lara Méndez dun almanaque coa bandeira de Suecia e dun chaveiro como obxectos representativos do seu país. Pola súa banda, Lara Méndez entregoulle á directora unha reproducción dunha “zanfona” elaborada polo Centro de Artesanía e Deseño da Deputación de Lugo.