Deputación de Lugo

O Pleno da Deputación ratifica por unanimidade o protocolo para a creación do Consorcio provincial contra incendios

O Presidente da Deputación subliñou que os Concellos non terán que poñer nin un só euro maila ser un servizo municipal

O Pleno da Deputación ratificou este martes por unanimidade o protocolo de intencións asinado o nove de xaneiro polo Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, o Conselleiro de Presidencia, José Luis Méndez Romeu, e os Alcaldes dos Concellos de Viveiro, Vilalba, Sarria, Chantada e Barreiros para a constitución do Consorcio Provincial de Lugo que prevé a creación de cinco parques de bombeiros nos devanditos municipios. O titular provincial destacou hoxe a importancia desta iniciativa porque “se se producen sinistros hai que dar unha resposta, e Lugo é a única provincia galega que non ten este servizo básico”. Gómez Besteiro lembrou que na actualidade tan só funcionan os parques de Lugo e Monforte, e non teñen cobertura comarcal. A Deputación e a Consellería de Presidencia financiarán ó 50% a construción e mantemento destes cinco parques de bombeiros. Deste xeito, a institución provincial asumirá a obriga que tiñan os Concellos de aportar unha porcentaxe ó Consorcio. “A Deputación fará un esforzo orzamentario moi importante aportando máis de tres millóns de euros ó ano. Os Concellos non vai poñer nin un só euro por un servizo que é municipal”, apuntou o Presidente provincial. Os Concellos de Viveiro, Vilalba, Sarria e Chantada comprométense neste protocolo a ceder as parcelas para a construción dos parques de bombeiros, e en Barreiros adecuaranse as instalacións xa construídas. Cada parque terá unha dotación duns 15 ou 20 profesionais e o equipamento necesario para atender os casos de incendios, excarcelacións ou evacuacións.