Deputación de Lugo

A Deputación presenta ós Alcaldes o novo Servizo Provincial de Recadación

Antonio Gato destacou que a xuntanza será “cuasi definitiva” na conformación do Servizo

O deputado da Área de Asistencia e Cooperación cos Concellos, Antonio Gato Soengas, presentou este luns ós Alcaldes e Alcaldesas dos Concellos da provincia as novas bases do Servicio Provincial de Recadación, aprobadas por unanimidade por parte dos tres partidos políticos no Pleno Provincial do mes de novembro. Gato Soengas, quen estivo acompañado do Xefe do Servizo de Recadación, Emilio Justo Fernández Pita, indicou que o “novo Servizo axudará ós Concellos nos seus sistemas locais de financiamento”. O encontro, no que tamén estiveron presentes secretarios e interventores dos entes locais, celebrouse no Salón de Actos do Pazo de San Marcos. Os rexedores recibiron o borrador de acordo no que se establece a cesión de recadación dos impostos básicos (IBI, IAE e o Imposto de Circulación), con posibilidade de engadir a delegación doutros tributos. Neste senso, o deputado da Área de Cooperación cos Concellos engadiu que “a xuntanza suporá un paso cuasi definitivo na conformación do Servizo e esperamos que os Alcaldes e Alcaldesas da provincia entendan que a idea da Deputación é conseguir que éste mellore a súa eficacia convertíndose nun instrumento en beneficio das finanzas das corporacións locais”. O documento terá que ser aprobado polas Corporacións para que logo o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, poida asinar cos rexedores locais os convenios correspondentes, momento a partir do cal, entrarán en vigor as novas bases, entre as que se inclúe a rebaixa da cantidade que deberán aboar os Concellos en periodo voluntario, tal e como indicou o deputado da Área de Cooperación cos Concellos. Esta porcentaxe pasará do 6% ó 4%, “dous puntos por debaixo do custe anual, o que suporá un ingreso moi importante en canto ós ingresos dos Concellos”, engadiu Gato Soengas. O calendario que se manexa establece que “no mes de decembro se deben celebrar os plenos ordinario e extraordinario nos que se aprobe a delegación deste Servizo á Deputación para que en xaneiro os secretarios ou interventores certifiquen o ingresado en relación cos novos tributos, e xa no mes de febreiro, se poidan facer os anticipos mensuais”. O novo sistema de recadación tamén inclúe a rebaixa do ingresado no periodo executivo. Con estes cambios os ingresos da Deputación para a prestación deste servizo, en periodo voluntario, disminuirán 290.000 euros, mentres que na recadación executiva será 154.000 euros. En total, 444.000 euros que quedarán nos Concellos. “Se a maioría delegan este servizo, estariamos en condicións de rebaixar a taxa do 4% para chegar no horizonte dos dous próximos anos a un 2% se as delegacións son completas”, adiantou o deputado provincial socialista. Na reunión tamén se expuxo ós rexedores da provincia a posibilidade de asinar un convenio de colaboración co Catastro para a actualización do Imposto de Bens Inmobles o que “redundará na axilidade e nos custes ó tempo que mellorará os ingresos das corporacións locais”. Asimesmo, a organismo provincial tamén propuxo ós Concellos o adianto dos ingresos, ata un 80%. Deste xeito, os que se acollan a esta medida recibirán o importe repartido en 12 mensualidades. O resto, ata completar o 100%, recibiríano nos primeiros tres meses do ano seguinte.