Deputación de Lugo

Nunha visita insititucional o Vicepresidente Primeiro da Deputación, Antón Bao, anunciou a mellora das instalacións deportivas do Concello da Pobra de Brollón

A área de Cultura da Deputación de Lugo apoiará de xeito decidido o patrimonio inmaterial galego, así a representación do Oso de Salcedo contará este ano cun importante apoio

LUGO, 30 DE DECEMBRO. O vicepresidente da Deputación, Antón Bao, realizou na mañá de hoxe unha visita institucional ao concello de A Pobra de Brollón. O vicepresidente da Deputación foi recibido polo alcalde da Pobra de Brollón, o nacionalista José Luis Maceda Vilariño. Logo de realizar unha visita ás dependencias municipais, o vicepresidente plasmou a súa sinatura no libro de ouro nun breve acto no salón de plenos do concello. Tras a sinatura houbo un intercambio da agasallos institucionais entre os representantes dos gobernos de ambos organismos. O alcalde de A Pobra de Brollón, o nacionalista José Luis Maceda Vilariño, e o vicepresidente da Deputación, Antón Bao, mantiveron unha conversa privada no despacho da alcaldía. Antón Bao quixo significar con esta primeira visita institucional, como vicepresidente da Deputación, a intención do novo goberno da deputación de apoiar aos concellos máis pequenos e que sofren unha situación máis desfavorable dende o punto de vista poboacional. Segundo Antón Bao “estes concellos precisan do apoio da Deputación para tentar conseguir fixar poboación e para que as persoas que residan neles conten cos medios necesarios para vivir dun xeito propio destes tempos”. Bao sinalou a necesidade de acometer aquelas obras que lonxe de ser vendibles politicamente pola súa envergadura son necesarias para facer a vida da xente máis sinxela e agradable. Bao afirmou que “dende as responsabilidades que teño no goberno da Deputación e dende as áreas gobernadas pola forza política á que pertenzo imos a pular por achegar a aqueles concellos que máis o precisan os medios necesarios para que as persoas se sintan cómodas e coas debidas proteccións sociais alá onde residan; para nos as persoas están por riba das grandes infraestructuras que, si ben son necesarias, non deben xerar o menoscabo na calidade de vida de aqueles que viven en lugares afastados destas obras, ás veces faraónicas”. MELLORA DAS INSTALACIÓNS DEPORTIVAS E APOIO AO PATRIMONIO INMATERIAL Tras visitar a casa do concello o vicepresidente da Deputación visitou, xunto co rexedor municipal, o campo de fútbol de Os Medos onde Antón Bao comprometeu o apoio da área de Deportes para facer obras de arranxo e mellora dos vestiarios. Bao comprometeuse tamén a aportar fondos para as obras de rehabilitación interior do pavillón polideportivo que se atopa nun penoso estado de conservación. Segundo Bao “a pesares de que afrontar este tipo de obras non implica o mesmo rendemento político que a construcción dunha autovía ou unha ponte, son este tipo de obras as que é necesario promover dende as administracións locais co apoio das Deputacións para mellorar a calidade de vida da xente no día a día” Antón Bao anunciou o compromiso da Deputación de Lugo á hora de apoiar incondicionalmente as mostras do noso patrimonio inmaterial que no caso da Pobra de Brollón está perfectamente exemplificado pola figura do Oso de Salcedo que chegou ata os nosos días dentro das festas do Antroido.