Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación asina o protocolo para a creación de cinco parques provinciais de bombeiros

O documento tamén foi asinado polo Conselleiro de Presidencia e os Alcaldes de Viveiro, Vilalba, Sarria, Chantada e Barreiros

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, o Conselleiro de Presidencia, José Luis Méndez Romeu, e os Alcaldes de Viviero, Melchor Roel, de Vilalba, Gerardo Criado, de Sarria, Claudio Garrido, de Chantada, Manuel Taboada, e de Barreiros, Alfonso Fuente, asinaron o protocolo que permitirá a constitución do Consorcio Provincial para a posta en marcha de parques de bombeiros nos devanditos Concellos. O titular da institución provincial destacou que o Consorcio “terá un carácter provincial o que permitirá atender as necesidades alí onde se producen. A colaboración desde unha estructura única permitirá ser máis eficaces e máis flexibles ante as continxencias que se poidan producir”. Neste senso, Gómez Besteiro fixo un chamamento ó resto dos Alcaldes da Provincia “que, con carácter xeral, entenderon que se trata dunha rede provincial” independentemente de onde estean ubicadas as instalacións. Tamén quixo amosar o seu agradecemento a Consellería de Presencia pola súa diligencia, o que permitirá dotar á provincia dun servizo do que carecía absolutamente, agás nos Concellos de Lugo e Monforte. Financiamento dos parques A Deputación Provincial e a Consellería de Presidencia asumirán ó 50% o financiamento e mantemento destes cinco parques de bombeiros. Para a súa construción e dotación, destinaranse 9 millóns de euros, e 3 millóns anuais para o seu mantemento. “A Deputación alivia a obriga que tiñan os Concellos de aportar unha porcentaxe ó Consorcio, o que non é un tema menor. Os veciños deben esixir ós Alcaldes que eses cartos se destinen a cubrir outro tipo de necesidades”, dixo Gómez Besteiro. Pola súa banda, o Conselleiro da Presidencia, José Luis Méndez Romeu, dixo que este ano comezarán as obras dos catro edificios que aínda están sen construir e que se acometerán os traballos de acondicionamento do de Barreiros. A partir da posta en marcha desta iniciativa prevese acadar que o 87% da poboación da provincia de Lugo, uns 311.967 habitantes, poida recibir asistencia ante as emerxencias en menos de 30 minutos e que o 68% poida ser asistida en menos de 20 minutos. O membro do executivo galego tamén adiantou que “se está a preparar, en colaboración cos entes locais, unha operación que permitirá garantir o servizo contra incendios e salvamento nas zonas de alta montaña con maiores dificultades, co obxectivo de cumprir os tempos dos que estamos a falar”. Dotación dos parques No protocolo asinado este mércores, os Concellos de Viveiro, Vilalba, Sarria e Chantada comprométese a ceder as parcelas para a construción dos parques de bombeiros e en Barreiros adecuaranse as instalacións xa construídas. Cada parque terá unha dotación duns 15 ou 20 profesionais e o equipamento necesario para atender os casos de incendios, excarelacións ou evacuacións. Coa creación deste Consorcio Provincial preténdese a homoxeneización das prestacións e das condicións de traballo dos servizos de prevención e extinción en toda Galicia e prestar este servizo aos concellos da provincia que non teñan un propio. Ademais, así asegúrase que a actuación nos municipios menores de 20.000 habitantes se realizará en condicións axeitadas.