Deputación de Lugo

Gómez Besteiro garántelle á Alcaldesa de Portomarín que a Deputación pagará o canon enerxético ós Concellos afectados

O Presidente provincial asegura que os presupostos de 2008 contemplarán partidas para Chantada e para os municipios implicados

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, reuniuse este xoves coa Alcaldesa de Portomarín, Silvia Rodríguez. Na xuntanza o titular da Deputación, que escoitou as peticións da rexedora municipal, explicoulle a Silvia Rodríguez, ademais da cooperación económica e da mellora do Plan de Obras que a Deputación levará a cabo, o procedemento que vai seguir o organismo provincial á hora de abordar o pago do canon enerxético que afecta a distintos Concellos da provincia. Neste senso, Gómez Besteiro garantiu “que esta débeda vai ser satisfeita” ó tempo que lembrou que primeiro pecharase o compromiso con Chantada, motivado pola sentenza xurídica que así o indica e, logo abordarase a situación co resto dos Concellos. O titular da Deputación engadiu que, precisamente, os presupostos do ano 2008, contemplarán dúas partidas específicas. A primeira fará referencia á ese plan de investimentos do Concello chantadino e, a segunda incluirá unha “bolsa que recollerá o mesmo esquema para o resto dos Concellos”. Gómez Besteiro, matizou que malia que non está feita a división do que lle corresponderá a cada municipio, “esta segunda partida contemplará investimentos a repartir entre todos os Concellos, non só en algúns”. Parques provinciais de bombeiros No transcurso da reunión, o máximo mandatario provincial tamén lle garantiu a Silvia Rodríguez que o Concello de Portomarín terá “un bo servizo” por parte da rede de parques de extinción de incendios. Neste senso, Gómez Besteiro asegurou que este municipio “vai ter unha cobertura semellante á do resto dos Concellos e ademais non terá que pagar nada”. O Presidente provincial explicoulle á rexedora municipal o desenvolvemento deste plan tal e como se expuxo no Pleno que a Corporación provincial celebrou esta mesma semana. Gómez Besteiro, subliñou que se trata dunha rede cara, pero necesaria que prestará ós veciños un servizo digo e moderno. “A diferenza entre uns e outros é que nós consideramos que é un investimento necesario e, outros, valoraban que non o era, por iso non o fixeron”, engadiu o máximo mandatario provincial.