Deputación de Lugo

O CGAC descentraliza a súa actividade achegándoa ao Museo Provincial de Lugo

Pensa no que ves é un seminario que propón unha aproximación á complexidade do fenómeno da percepción da arte.

LUGO, a 29 de xaneiro de 2008. O responsable da área de Cultura da Deputación, Antonio Veiga, e o Director do CGAC, Manuel Olveira, presentaron esta mañá no Museo Provincial o Seminario de Educación Artística Pensa no que ves que se vai desenvolver os días 11, 12 e 13 de febreiro de 2008 no Museo Provincial de Lugo. Este seminario está organizado polo CGAC, coa colaboración do Museo Provincial de Lugo. Impartirá as clases a especialista en pedagoxía artística Amelia Arenas, historiadora da arte, escritora e comisaria independente que ten desenvolvido un intenso labor investigador no eido da educación artística, baseado entre outras cousas na súa dilatada experiencia ao fronte do Servizo Educativo do MOMA de Nova York e nas numerosas conferencias, charlas e talleres que vén impartindo por todo o mundo. Segundo o responsable da área de Cultura da Deputación, Antonio Veiga, para a Área de Cultura é de moita satisfacción que a vía de colaboración que se abriu entre o Museo Provincial e o CGAC dentro da política de descentralización que se está levando a cabo nas dúas administración, tanto na Consellaría de Cultura como na Área de Cultura da Deputación de Lugo. “Pensa no que ves” é un seminario que propón unha aproximación á complexidade do fenómeno da percepción da arte por parte dos públicos, das súas respostas ante as obras, tratando de explorar e cuestionar estratexias e diferentes ferramentas tradicionais que empregan os educadores e os museos na procura dese achegamento. Este seminario levarase a cabo no Museo Provincial de Lugo os días 11, 12 e 13 de febreiro en horario de 11:00 a 14:00 e de 16:30 a 19:00. O seminario consta de dúas sesións diarias con orientación e destinatarios diferentes. As xornadas da mañá están dirixidas a profesionais de museos e as sesións da tarde a mestres, profesores e estudantes.