Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo asistirá ós Concellos na constitución de tribunais de selección de persoal

Os Alcaldes poderán solicitar axuda á institución provincial cando non teñan membros suficientes para a formación destes órganos

A Deputación de Lugo ofrecerá asistencia ós Concellos que o soliciten para a constitución dos órganos de selección de persoal municipal, segundo avanzou este venres o Deputado responsable da Área de Cooperación cos Concellos e voceiro do grupo provincial do PSOE, Antonio Gato Soengas. “Esta é unha nova liña de axuda para os Concellos, sobre todo ós que teñen poucos recursos para poder cumprir coa nova lei do Estatuto Básico de Emprego Público que entrou en vigor este ano”, dixo Gato Soengas. O voceiro socialista lembrou que esta lei esixe que os tribunais de selección de persoal estean compostos por un mínimo de cinco membros- presidente, secretario e tres vocais-, e que “non poden formar parte dos mesmos nin o persoal de elección ou designación política, nin os funcionarios interinos ou o persoal eventual, polo que os municipios con escaseza de funcionarios teñen moitas dificultades para constituír estes órganos”. Con esta iniciativa da Área de Asistencia e Cooperación cos Concellos, que foi comunicada a todos os Alcaldes e Alcaldesas da provincia, “os municipios poderán solicitar axuda á Deputación para cubrir os postos que especifiquen, respetando sempre a autonomía local”, afirmou Antonio Gato. Será o Gabinete de Asesoramento, Asistencia e Defensa Xurídica da Área de Cooperación o que designe ó membro ou membros do pertinente órgano de selección que se soliciten. Estes acudirán ós tribunais “sempre a título individual e non en representación da Deputación Provincial”. Gato Soengas subliñou que con esta nova norma cúmprese o obxectivo de que haxa imparcialidade nestes procesos selectivos, e evítanse interferencias políticas. “Era norma xeral que os presidentes destes órganos de selección foran os propios Alcaldes, e os vocais os membros da Corporación. O voceiro socialista fixo este anuncio ó remate da Xunta de Goberno que este venres aprobou o proxecto modificado da obra de saneamento dos barrios de Vilar, Viladaire e Golada, no concello de Barreiros, no que se mantén o presuposto inicial de 68.000 euros. Tamén se deu o visto e prace ós Plans de Seguridade e Saúde no Traballo de varias obras provincias.