Deputación de Lugo

A técnica de tinguido shibori para seda e la centrará
o segundo curso de téxtil do CENTRAD

Imaxe deputación de lugo
O obradoiro desenvolverase no taller de téxtil do Centro de Artesanía desde o 16 ó 20 xuño

O Centro de Artesanía e Deseño da Deputación de Lugo ofrecerá desde o 16 ó 20 de xuño o segundo curso da programación de téxtil para o ano 2008 no que se impartirá a técnica de tinguido de shibori para seda e la. O artesán Ramón Álvarez impartirá o obradoiro no que os asistentes aprenderán distintas formas de tinguir, atar puntos, envurullar, plegar e estrangular obxectos, coser e enrolar sobre tubo. O curso desenvolverase na aula de téxtil do CENTRAD, ubicada no pavillón número 8, en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 18:00 horas. Está dirixido a artesáns e ó público en xeral. A inscripción poderá realizarse ata dous días antes do comezo do curso. O proceso de selección establécese en función da orde de inscripción. Os materiais son proporcionados polo Centro de Artesanía e Deseño, así como os teares, que son reproduccións do século XIX. Cestería irlandesa O Centro de Cestería do Río Rato acolle esta fin de semana o curso de cestería irlandesa de vimbio, o noveno dentro da programación de primavera do Centro de Artesanía e Deseño dependente da Deputación. Esta actividade, que se desenvolverá o 14 e 15 de xuño, será impartido polo artesán Carlos Fontales. Deste xeito, os asistentes aprenderán a fabricar o “creel”, cesto típico de Irlanda e de toda a zona norte de Gran Bretaña. Trátase dunha modalidade que garda similitudes cos que se elaboran na zona das Rías Baixas, en localidades como Muros e Noia. Estes cestos, de estrutura rectangular, teñen como particularidade que se comezan pola parte superior, a diferenza do que acontece co resto. O curso impartirase en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas. Está dirixido a cesteiros profesionais ou noveis, artesáns doutras disciplinas e público en xeral. A inscripción poderá realizarse ata dous días antes do comezo. O obradoiro inclúe a identificación dos materiais e ferramentas necesarias, breve descripción da peza, identificación de distintos “creel” irlandeses e fabricación dos mesmos. Dispón de 16 horas de formación. O prezo da matrícula é de 16 euros.