Deputación de Lugo

Iniciado o segundo curso de cestería de primavera do Centro de Artesanía e Deseño da Deputación

O obradoiro que se imparte no Centro de Cestería do río Rato rematará este xoves

Esta tarde deu comezo no Centro de Cestería do río Rato o segundo curso de “cestería tradicional galega de vimbio. Paxes de Viveiro e Carballo” do Centro de Artesanía e Deseño da Deputación de Lugo. No obradoiro, que imparte o artesán Carlos Fontales, participan un total de 8 alumnos chegados de distintos puntos de Galicia: 2 de Pontevedra, 1 de Ferrol e o resto da provincia de Lugo. Nos dous primeiros días os alumnos, ademais de aprender a identificar os materiais e ferramentas, construirán o paxe típico do Concello coruñés de Carballo, mentres que o mércores e o xoves elaborarán un “carabelo”, denominación que recibe o paxe na Mariña luguesa. Estas dúas modalidades, a diferenza dos outros cestos que se fabrican no resto de Galicia, teñen unha estrutura cadrada, o que permite que sexan perfectamente adaptables ó corpo. Antigamente, empregábanse para recoller as patacas, a herba ou o millo. Para a súa elaboración os alumnos empregan o vimbio plantado no Centro de Cestería do río Rato. O obxectivo destes obradoiros é recuperar un dos oficios máis tradicionais en Galicia, pero que co paso do tempo foise perdendo. Tal é así, que na actualidade só quedan dous artesáns en Galicia que fabriquen este tipo de cestería, Ramón Laxe en Burela e Carmen Arnejo en Entrecruces (Carballo). O curso dispón de 16 horas de formación e desenvólvese de 16:00 a 20:00 horas desde hoxe ata o xoves, 3 de abril. Está destinado, por orde de preferencia, a cesteiros profesionais, artesáns doutras disciplinas e ó público en xeral. O curso inclúese dentro da programación de primavera formada por outros 9 obradoiros. En total 10 cursos diferentes nos que os asistentes, ademais do vimbio, traballarán con outros materiais como a palla, a silva ou o esparto.