Deputación de Lugo

SUPLUSA arranxa os danos ocasionados polos últimos temporais nas áreas verdes da Deputación

Imaxe deputación de lugo
Lara Méndez destaca que “este foi un dos acordos do último Consello de Administración e no que se autorizou a inmediata reparación co obxectivo de que estas zonas estén en perfectas condicións canto antes”

Os danos, que afectan a todas as áreas que xestiona a Sociedade na provincia e que están a ser reparados co persoal propio, están valorados nuns 250.000 euros O Consorcio Provincial de Bombeiros, que se reunirá o día 12, abordará cuestións como as posta en funcionamento dos parques e a adquisición de novo material para os mesmos A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, anunciou este venres que a Sociedade Urbanística Provincial (SUPLUSA) está a reparar os danos que ocasionaron os últimos temporais de choiva e vento nas áreas verdes que xestiona a Sociedade tanto no Concello da capital como na provincia. Lara Méndez destacou que “este foi un dos acordos ós que se chegou no último Consello de Administración e no que se autorizou a inmediata reparación dos desperfectos co obxectivo de que estas zonas volvan a estar en perfectas condicións canto antes”. Os traballos están dirixidos polos técnicos de SUPLUSA e estanse a executar co persoal propio da Sociedade, a menos que a dificultade dos mesmos obrigue a contratar unha empresa externa. Os últimos temporais de choiva e vento provocaron importantes danos en practicamente todas as zonas, e están valorados nuns 250.000 euros. Neste senso, a Vicepresidenta Segunda explicou que o vento derribou numerosas árbores, carteis de sinalización e elementos de iluminación; as choivas torrenciais provocaron socavóns e arrastres con destrución de zonas verdes e sendeiros causados polos asolagamentos, provocando o rebosamento de colectores; e o desbordamento dos ríos, que alcanzaron niveis extraordinarios con caudais e velocidade superiores ós 5 metros por segundo, provocaron desperfectos nas ribeiras, derrubamento dos muros de encauzamento en distintos lugares, arrastre de pontes peonís e erosión de taúdes. Zonas máis afectadas Polo que respecta ás zonas da capital, as máis afectadas foron as do parque de Paradai; parque do Rato, no treito que vai da estrada de Fonsagrada ó Parque do Sagrado Corazón; río Chanca; río Fervedoira, nas inmediacións do Centro de Cestaría da Deputación, o parque infantil e o muíño; e no río Miño, na zona da fábrica da luz. No caso das áreas da provincia, os desperfectos producíronse no parque Profesor Río Barxa, en Meira; no río Narla, en Friol; na área de Quiroga, no parque de Vilasouto, no Concello do Incio, no contorno do río de Navia de Suarna; e nas fontes do Miño, en Pastoriza. Deste xeito, Méndez sinalou que “nestes momentos, as brigadas de SUPLUSA xa están a traballar nas zonas dos ríos Rato e Fervedoira, así como na zona da Chanca. Unha vez rematados estes traballos, atenderanse os danos das áreas afectadas no resto da provincia”. A Sociedade Urbanística Provincial é a encargada, mediante encomenda de xestión, de levar a cabo os traballos de coidado e mantemento das áreas verdes xestionadas pola Deputación ó longo de toda a provincia, que en total suman unha superficie de 1.200.000 metros cadrados. Na capital sitúanse 7 destas áreas que están repartidas ó redor de toda a cidade. Só neste Concello a superficie da que se encarga a Sociedade é de preto de 850.000 metros cadrados. Asimesmo, na provincia, as restantes zonas ocupan unha extensión de 350.000 metros cadrados, e atópanse nos concellos de Friol, Quiroga, A Pastoriza, Meira, Navia de Suarna e O Incio. Reunión Consorcio Bombeiros Na rolda posterior á Xunta de Goberno, a Vicepresidenta Segunda tamén anunciou que o día 12 de febreiro, ás 10:00 horas, terá lugar na Deputación a reunión do Consorcio Provincial de Bombeiros. Lara Méndez adiantou que entre os puntos da orde do día, trataranse os investimentos a realizar para a adquisición de material para os parques, así como as posta en funcionamento dos mesmos.