Deputación de Lugo

Aprobado o Orzamento da Deputación para 2010 que supera os 143 millóns de euros

Imaxe deputación de lugo
Gómez Besteiro quixo defender “un Presuposto anticíclico, xa que nestes momentos nos que falta a iniciativa privada é cando as institucións públicas deben aumentar a capacidade inversora”

Diante á parálise da Xunta, que obriga á Deputación a destinar 11,5 millóns ó mantemento dos hospitais, o equipo de goberno insta ó goberno autonómica a cumprir os acordos adoptados e a proceder ó inmediato traspaso dos centros O organismo provincial cede ó Concello de Lugo tres pavillóns do Fogar de Santa María para ampliar o Fogar do Transeúnte O Pleno da Deputación aprobou este martes, cos votos en contra do PP e coa abstención de Manuel Varela, o Orzamento Xeral da Deputación para o ano 2010 que ascende a 143.695.391 euros, o que supón un incremento de 1.557.093 euros con respecto a 2009, é dicir un 1,10%. O Presidente do organismo provincial, José Ramón Gómez Besteiro, quixo defender “un Presuposto anticíclico, xa que nestes momentos nos que falta a iniciativa privada é cando as institucións públicas deben aumentar a capacidade inversora”. O Presuposto consolidado componse da propia Deputación con 118.708.300 euros, INLUDES con 14.007.383, e Sociedade Urbanística Provincial (SUPLUSA) con 24.346.693 euros. O titular provincial subliñou que “utilizamos todas as pezas da institución para actuar cando é necesario. Debido á crise, a aportación dos tributos do Estado cae en 20 millóns de euros, polo que acudimos a operacións de endebedamento de 8 millóns a 25,5 no caso da Deputación e de 6 a 12 millóns en SUPLUSA, pero manténdonos dentro dos límites legais, ó non superar o 110%”. Os capítulos de investimentos suman 43.491.370 euros, só un 3,88% menos con respecto ó ano pasado. Esta baixada xustifícase debido a que en 2009 quedou concluída a dotación para o os parques de bombeiros, ou que no verán do 2010 remata o programa europeo Lug02, polo que a contía é menor este ano. Neste momento no que os Concellos teñen graves problemas económicos, apartado de “Gastos e bens correntes e servizos” elévase en 1.800.000 euros. Asimesmo, o de persoal só aumenta un 0,93%, debido a actualización do IPC, pero mantéñense conxeladas as retribucións políticas, tanto do equipo de goberno como da oposición. Os tres obxectivos do Orzamento segundo o Plan Estratéxico son tres: cooperar máis ca nunca cos 67 Concellos, no que se inclúen 4 millóns de euros para o canon hidroeléctrico en 16 municipios; 1.250.000 euros para mantemento dos parques de bombeiros; máis de 3 millóns para o programa Innova-TE,; 500.000 para o Plan Urban, 400.000 euros para a Axencia Provincial da Enerxía e 1.528.790 euros para o Lug02; fortalecer o sector agrogandeiro coa contrución do Centro de Recria de gando na Granxa Gayoso-Castro, no que se investirán máis de 10 millóns de euros; e potenciar o turismo con iniciativas como Km0 a Compostela, a primeira páxina web turística da Deputación, a promoción exterior en Portugal e Castela e León, ou coa consolidación dos servizo dos catamarán cun novo barco ecolóxico, a mellora do embarcadoiro de Doade e a instalación dun novo pantalán nos Peares. Austeridade nos gastos correntes No debate político, Gómez Besteiro lembroulle ó Presidente Provincial do PP, José Manuel Barreiro, que é “un Orzamento austero nos gastos correntes”, a diferenza da xestión realizada polo anterior goberno da Deputación. Neste senso, apuntou: “sabe canto nos custaría arranxar a cuberta do Hospital San Rafael debido ó abandono de vostedes durante décadas? 3 millóns de euros; sabe cantos vehículos devolvemos do parque móbil, xa que se facía un uso indiscriminado dos vehículos? 19 coches; e canto estamos aforrando hoxe en aluguer mensual de vehículos con respecto a vostedes? preto de 13.000 euros ó mes; a prioridade da Fundación Tic xa non é pagarlle a unha produtora de Santiago as galas de David Civera, senón a inserción laboral xuvenil. Nós non tiramos preto de 300.000 euros, como quixeron facer vostedes, nunha mesa de realización propia das televisións de Berlusconi; dende que nós chegamos á Presidencia da Fundación Tor non firmei nin unha soa dieta nin un só quilometraxe; tiñan o Museo Provincial sen calefacción nin seguros, os museos da rede provincial con goteiras e instalacións eléctricas vellas e perigosas”. Asimesmo, o Presidente da Deputación cualificou de contradictoria a postura do PP. “A Xunta de Galicia pide a Dios pero non da nin a Cristo, tal e como di o Presidente da FEMP. En definitiva, o resultado de 25 anos gobernados por vostedes sin cooperar cos Concellos é nunca máis, mentres que a nosa filosofía é máis ca nunca”. Hospitais provinciais Na sesión plenaria explicouse que, debido á xestión da Xunta de Galicia que ten paralizado o proceso de transferencia dos hospitais provinciais ó SERGAS, a Deputación veise obrigada a destinar 11,5 millóns ó mantemento dos mesmos. Neste senso, aprobouse, cos votos en contra do PP e a abstención de Manuel Varela, a proposta do equipo de goberno na que se insta á administración autonómica a que cumpra os acordos adoptados e asinados polos representantes das institucións afectadas na reunión da Comisión de Transferencias, celebrada o 10 de febreiro de 2009, e a que proceda ó inmediato traspaso dos centros sanitarios de San Rafael e San José ó Servizo Galego e de Saúde. Asimesmo, solicítase que Feijóo cumpra a palabra dada en xaneiro deste ano ós veciños de Castro de Rei de manter as instalacións do psiquiátrico, así como a actividade sanitaria que ata o día de hoxe vén prestando. Pavillóns do INLUDES Aprobouse por unanimidade a modificación do convenio de cesión do inmoble do Fogar de Santa Maria, propiedade do Concello, á Deputación, que establece que o organismo provincial revertirá á entidade local os pavillóns 7, 8 e 9 do recinto, que lindan coa rúa Monte Picato. Asimesmo, segundo o acordo o Concello cederá á Deputación o pavillón 6, onde se sitúa o Fogar do Transeúnte municipal. Deste xeito, o Concello utilizará as novas instalacións para ampliar os servizos que se prestan no Fogar do Transeúnte, mediante a ampliación das salas e aulas de formación, aumento de camas e outros servizos de carácter social. A addenda ó convenio e acordo de cesión gratuíta do edificio do Fogar de Santa María á Deputación aprobárase en sesión plenaria en maio de 1.941 e o convenio de revisión e actualización das bases foi subscrito en abril de 1.995, fixando a vixencia da devandita cesión ata o 1 de outubro de 2040.