Deputación de Lugo

A Fundación TIC da Deputación de Lugo organiza unhas xornadas sobre cine rodado en Arxentina

Imaxe deputación de lugo
Victoria Galardi e Jorge Algora presentarán os seus traballos “Amorosa Soledad” e “El niño de barro”

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, participará nas xornadas que baixo o título “Rodado en Arxentina” se desenvolverán en Lugo os días 6 e 7 de febreiro, e que traerán á cidade luguesa destacados profesionais do cine arxentino e galego. Esta actividade, organizada pola Fundación TIC dependente da institución provincial, forma parte das actividades da Escola de Imaxe e Son de Lugo para o curso escolar 2007-2008. Durante a primeira xornada a directora e guionista arxentina Victoria Galardi impartirá un taller de guión ós alumnos da EIS. Na sesión de traballo tamén se analizará a última longametraxe da cineasta, “Amorosa Soledad”, que participa no Work in Progress do Festival de Berlín. O xoves día 7 proxectarase no Salón de Actos do Pazo de San Marcos a opera prima no cine do director galego Jorge Algora, “El niño de barro”, nominada ós premios Goya deste ano na categoría de mellor canción. A entrada será libre. A continuación manterase unha charla-coloquio sobre o filme. Xa pola tarde, o Director-Xerente do Consorcio Audiovisual de Galicia, Nacho Varela, presentará o Fondo Raíces, un programa destinado á axuda para coproducións Galicia-Arxentina. Como fin das xornadas, o Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, presentará a mesa redonda “Rodado en Arxentina”, que será moderada polo Director-Xerente do Consorcio Audiovisual de Galicia, e na que participarán os directores Victoria Galardi e Jorge Algora, acompañados da produtora Silvana di Francesco.