Deputación de Lugo

A Deputación incrementará a vixilancia e o control nas dependencias da institución provincial

Haberá 8 vixilantes máis e prestarase este servizo por primeira vez no Fogar de Santa María

A Deputación de Lugo incrementará a vixilancia e o control dos edificios que dependen da institución provincial. A Xunta de Goberno aprobou este venres o prego para a contratación deste servizo que contempla un maior número de vixilantes e a inclusión, por primeira vez, do edificio do Fogar de Santa María. O voceiro do grupo provincial socialista, Antonio Gato Soengas, dixo que “o equipo de goberno ten dous obxectivos: por unha banda, aumentar a vixilancia presencial e, por outra, establecer un sistema de videovixilancia que garanta a seguridade dos inmobles dos que é responsable a Deputación”. O prego de condicións contempla, como mínimo, 23 vixilantes, 8 máis que na actualidade. O Pazo de San Marcos e o Pazo de Deportes manterán os cinco axentes que ten cada un na actualidade, mentres que o Museo Provincial pasará de cinco a oito. Neste caso, as tres incorporacións serán para o horario de apertura ó público. O edificio do Fogar de Santa María, que acolle a sede do INLUDES e a Área de Infraestruturas, terá por pirmeira vez 5 axentes. O documento contempla tan só a vixilancia presencial, pero na valoración das ofertas teranse en conta as melloras que introduzan as empresas en materia de vixilancia estática. O contrato será por dous anos, cun prezo máximo anual de 877.784 euros. Ratificación do convenio O órgano de goberno da Deputación tamén ratificou o convenio de colaboración asinado onte polo Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Conselleiro de Presidencia, José Luis Méndez Roumeu, para a adquisición de vehículos contraincendios e de salvamento. Antonio Gato subliñou o feito de que en tan só 24 horas o convenio fose aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, asinado polos máximos responsables da Deputación e da Consellería de Presidencia e ratificado pola Xunta de Goberno da institución provincial. “Esta rapidez demostra que a seguridade dos habitantes desta provincia é prioritaria para o actual equipo de goberno, polo que se está a axilizar todo o proceso coa finalidade de que a rede provincial de parques de bombeiros sexa unha realidade canto antes”. Parque Móvil A Xunta de Goberno tamén acordou a adquisición dun vehículo para o parque móbil da Deputación. “Este coche estará destinado preferentemente á Presidencia, e sustituirá a outro que xa ten nove anos e no que se gastou, en 2007, preto de 11.000 euros en reparacións e mantemento polo que é necesario cambialo”, dixo Gato Soengas. O prezo previsto é de 100.000 euros, que se cargará ós presupostos do ano pasado. Gato Soengas afirmou que “o que se pretende é adquirir un coche que reúna as características necesarias para garantir a máxima seguridade”. Antonio Gato tamén destacou a aposta que fai o actual equipo de goberno polo parque móbil provincial “que fora desmantelado polos anteriores responsables da Deputación”. O voceiro socialista dixo que nos Presupostos provinciais de 2008 destínanse preto de 500.000 euros á adquisición de novos vehículos, entre eles unha motoniveladora e dous camións, para realizar traballos nas estradas provinciais. “Iste é un novo instrumento de colaboración cos Concellos”, apuntou o voceiro socialista. Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou o inicio de expedentes de expropiación forzosa para obras correspondentes a catro proxectos. Unha destas obras corresponde ó POL 2005, no Corgo, para o acondicionamento dun treito da estrada provincial San Cristóbal, Adai, LU-106. As outras tres pertencen ó POS 2007 para proxectos en vías de Antas de Ulla e Vilalba, entre elas, a mellora da ponte de Santa Eufemia. Presupostos ós Alcaldes Por último, Gato Soengas anuniciou que a vindeira semana enviarase os Alcaldes dos 67 Concellos da provincia os Presupostos da Deputación de 2008 en soporte card drive. “É a primeira vez que se falicita ós rexedores os orzamentos para que coñezan de primeira man, e dun xeito detallado, en que se invisten os cartos que manexa a institución provincial”.